Continúan as actuacións musicais no marco do proxecto "Sonoro empeño" en Santiago
O domingo poderase ver o espectáculo Gallaecia, gallaeciños no Auditorio ABANCA, e o luns O Coro da Rá actuará no centro histórico da cidade
No marco do proxecto multidisciplinar "Sonoro empeño. A música nas Coleccións ABANCA e Afundación", ABANCA e Afundación organizaron unha extensa programación de actividades complementarias.
Hoxe domingo 5 de maio, a partir das 18.00 h, no Auditorio ABANCA (Preguntoiro, 23) poderase gozar de Gallaecia, gallaeciños, un espectáculo músico-teatral para público infantil e familiar a partir de 4 anos. Trátase dun divertido percorrido pola historia do jazz con algún dos seus intérpretes máis coñecidos como Scott Joplin, Duke Ellington, Charlie Parker ou Miles Davis, con estilos desde o rag-time ata o swing, o be-bop, o funky ou o soul.
Ao día seguinte, o luns 6 de maio, a partir das 19.30 h, O Coro da Rá ofrecerá unha actuación nos arredores de Preguntoiro, praza de Cervantes e no interior do Centro Obra Social ABANCA onde se atopa a exposición. É o coro residente de Estudo da Escola de Música de Santiago de Compostela, fundado no ano 1993. O seu repertorio céntrase na música popular moderna, sobre todo en estilos como o soul, o gospel, jazz, rock, pop, ou a música étnica. Unha dos seus puntos característicos son os «concertos comando», intervencións de rúa cos que tentan sorprender á xente coa súa música a capela.
O Coro da Rá levou os seus espectáculos aos máis grandes teatros de Galicia: Teatro Afundación de Vigo, Teatro Colón da Coruña, Salón Teatro e Teatro Principal de Santiago de Compostela, Pazo da Cultura e Teatro Principal de Pontevedra, etc. Participou en multitude de programas da TVG e puxo música a galas como as dos Premios da Cultura de Galicia, Mestre Mateo e María Casares.
Esta proposta responde o propósito da entidade de potenciar as experiencias interactivas dentro das súas actividades para estender a programación máis aló da propia exposición, mostrando na práctica o diálogo permanente entre as distintas disciplinas artísticas, e desenvolver a actividade cultural fóra dos espazos onde se desenvolve tradicionalmente.