Protagonismo de Antonio Fraguas na X Mostra de Fotografía Etnográfica das Socias e Socios do MPG
A Oficina de Socias e Socios do MPG convidou, nesta edición ás fotógrafas e fotógrafos a que se centrasen sobre os temas que tratou Antonio nos seus traballos
Hoxe, sábado 4 de maio, o Museo do Pobo Galego celebra a súa Asemblea Xeral de Socias e Socios. Como ven sendo tónica, tras a Asemblea inaugurarase a exposición “Entre Amigos. X Mostra de Fotografía Etnográfica das Socias e Socios do MPG”. Este ano, ademais, co incentivo do Día das Letras Galegas 2019 dedicado a Antonio Fraguas Fraguas, director e presidente que foi do museo.
A Oficina de Socias e Socios do MPG convidou, nesta edición ás fotógrafas e fotógrafos a que se centrasen sobre os temas que tratou Antonio nos seus traballos. Resultado deste esforzo colectivo son estes catorce traballos que se presentan, de variada temática e con ópticas moi diferentes. As feiras, o entroido, as paisaxes de Galicia, a iconografía e a relixiosidade, son algúns dos fíos condutores desta mostra.
As persoas participantes nesta edición son: Margarita Alborés Alborés, Carme Alborés Maceiras, Miguel Anxo Alvarellos, María Esteirán e Edita R. Oca, Denís Estévez Fernández, Xesús García Devesa, Clodio González Pérez, Xosé Manuel González Reboredo, Luís Martul Tobío, Xoán Xosé Molina Vázquez, Eduardo Otero Iglesias, Afonso Sestelo, Nolo Suárez e Mary Vega Cerqueiro.