Encontro entre veciñanza do Casco Histórico e Bascuas
Continúa a rolda de contactos da candidatura de Compromiso coa veciñanza
A candidatura de Compromiso por Galicia para as vindeiras eleccións locais, con Xoán Bascuas á fronte, mantivo unha reunión coa veciñanza do Casco Histórico no Centro Sociocultural no que se trataron, entre outras cuestións, os problemas de accesibilidade e mobilidade, rehabilitación das vivendas e a falta de servizos tan importantes no mundo actual como é o acceso a fibra óptica. Tamén se mostran fartos dos ruídos ocasionados polo servizo de recollida do lixo durante toda a noite, así como tamén da situación de inseguridade que se está a vivir nos arredores da residencia de maiores da Porta do Camiño e na propia residencia.
Todos estes factores inflúen na perda de habitantes na zona polo que, ao longo da xuntanza, tamén se valoraron diversas alternativas coas que poder frear o despoboamento do Casco Histórico e coas que facer posible tamén a conciliación dos residentes co turismo e a hostalaría.
A veciñanza trasladou a Xoán Bascuas o sentimento que teñen ante esta situación de abandono, que están a padecer por parte do goberno municipal, afirmando que se sinten veciñanza de segunda.
Dende Compromiso valoran como positiva a xuntanza e ven moi necesaria unha revisión do Plan Especial para adaptalo á realidade actual e propoñen así mesmo unha mellora na dotación de servizos para frear a perda de residentes e o deterioro do Casco Histórico que, como din, se está a converter nun parque temático.