"Papuchi" condenado a 36 anos de cárcere por abusar sexualmente de 16 menores de idade
A Fiscalía pedía unha pena de 54 anos e 3 meses de cárcere no xuízo celebrado a porta pechada o pasado febreiro na sección quinta da Audiencia de Pontevedra
A Audiencia de Pontevedra condenou a 36 anos de cárcere ao empresario vigués do sector da hostalería Carlos V.I., coñecido como "Papuchi", por abusar sexualmente de 16 menores de idade.
Ademais das penas de cárcere, o tribunal impuxo a este empresario senllas ordes de afastamento de 500 metros respecto das vítimas, algunhas delas de menos de 16 anos, e indemnizalas en contías que oscilan entre os 500 e os 2.000 euros.
En cambio, Carlos V.I. foi absolto dos dous delitos de exhibición de material pornográfico ante menores de idade polos que tamén estaba acusado.
A Fiscalía pedía unha pena de 54 anos e 3 meses de cárcere no xuízo celebrado a porta pechada o pasado febreiro na sección quinta da Audiencia de Pontevedra por aproveitarse do seu contacto con menores que lle permitía o seu traballo para obter deles "unha confianza que lles levase a executar actos de natureza sexual".
Carlos V.I. estivo en prisión provisional desde abril de 2017, medida que tras ser ratificada en dúas ocasións, unha delas pola Audiencia de Pontevedra, finalmente puido eludir tras o pago dunha fianza.