miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Bugallo presenta un programa económico orientado á promoción do emprego e ao desenvolvemento empresarial

Bugallo presenta un programa económico orientado á promoción do emprego e ao desenvolvemento empresarial
Bugallo presenta un programa económico orientado á promoción do emprego e ao desenvolvemento empresarial

Entre as medidas expostas figura a construción, en solo municipal, de naves que acollerían, ata a súa consolidación, aqueles negocios derivados dos diferentes viveiros de empresas.

O candidato á alcaldía de Santiago e Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou o programa económico da súa candidatura. Baixo o lema “Un concello de oportunidades: innovación, competitividade, emprego”, destacou o compromiso coa promoción do emprego e o desenvolvemento empresarial a través da creación dunha estrutura capaz de xerar novas empresas, consolidar as que existen, e atraer capital foráneo.

Faríase, segundo explicou Bugallo, a través de dous eixos, que serían a creación, e a atracción de novas empresas. O primeiro paso, dotarse dunha estrutura de acollida de participación municipal, constituída polo concello, a Cámara de Comercio e a USC, que tería como base o CERSIA. Desde aí, segundo Bugallo, o seu obxectivo é “captar investimentos, acompañar ás empresas que queiran instalarse en Compostela, asesoralas, facilitarlle a realización dos trámites necesarios para a implantación na cidade”. En certa forma, sinala, “copiamos o modelo de cidades portuguesas como Braga ou Viana do Castelo, que nos últimos anos captou 75 empresas, a maior parte vinculadas ao ámbito do automóbil, con 3.000 persoas empregadas nas mesmas”.

O segundo paso: a modificación das ordenanzas fiscais para bonificar ás empresas de nova implantación ou ás que realicen investimentos de “ampliación, renovación tecnolóxica e de mellora, sempre que creen emprego”. Contemplamos, continúa Bugallo, “que esas bonificacións fiscais poidan ser convenios de ata dez anos, e con bonificacións, que en determinados casos, poderían acadar ata o 95 por cento”. Pero, aclara, “vinculados a empresas de nova implantación e a aquelas que acometan procesos de renovación tecnolóxica”.

O terceiro paso, habilitar unha estrutura administrativa especifica para a tramitación de licenzas vinculadas ao tecido empresarial, co obxectivo de axilizar a súa concesión. E o cuarto, facilitar a consolidación de novos negocios coa promoción, en solos municipais, da construción de naves que se ofertarán en réxime de aluguer. Explica Bugallo que “estarán orientadas a aquelas iniciativas empresariais que se poñen en marcha na cidade; e a aquelas vinculadas ou derivadas dos diferentes viveiros de empresas, tanto o compartido coa USC, como o da Cámara de Comercio, como outros que poida haber”. Aclara o candidato que “agora mesmo, estas empresas que nacen nos viveiros, poden estar alí ata dous anos, despois teñen que marchar. Nós queremos establecer un novo período transitorio mentres o negocio non madura suficientemente, ofrecéndolle un lugar onde poida estar tres ou cinco anos máis en tanto non acada o grao de consolidación”.

Paralelas a estas hai outra serie de medidas, entre elas as orientadas á formación. Como a colaboración coas empresas radicadas en Compostela para a ampliación da FP dual e a realización de prácticas profesionais para os estudos de grao e posgrao que funcionen como vías de inserción laboral. Ou o programa “Compostela fala inglés”, con diferentes vertentes entre as que Bugallo destacou “un sistema que becará a 250 menores para que vaian a países de fala inglesa para practicar o idioma”, e con cursos de inglés e inmersión lingüística orientados a profesionais da hostalería, do comercio ou doutros sectores económicos. A isto engádense programas de formación específicos para cubrir as demandas laborais das empresas.

Preguntado sobre a creación de solo industrial, Sánchez Bugallo apostou por buscar acordos co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para modificar os criterios de utilización dos parques empresariais. Segundo o candidato á alcaldía, “tal e como están plantexados, é evidente que a industria no ten cabida. O que se están instalando son naves comerciais, distribuidoras, servizos, etc., pero non industria”. Na súa opinión, para o sector secundario “é necesaria unha oferta diferente. O IGVS non pode seguir cunha política na que o único criterio é a recuperación de inversión e a rendibilidade económica inmediata. O criterio principal ten que ser a implantación de empresas e a creación de industria”. A segunda parte, di Bugallo “é que nós promoveremos máis solo industrial”. E aclara “en Santiago, desde o ano 2011, non se promoveu nin un metro cadrado de solo residencial, nin de solo industrial. Entendemos que é necesario buscar espazos destinados á implantación de industrias con condicións diferentes ás que hoxe se están plantexando”. E o terceiro punto, “queremos por en valor o solo empresarial de propiedade municipal”. Cita en concreto, parcelas no Polígono Empresarial do Tambre onde se poderían ubicar as naves-niño, ou diante do mercado de gando de Amio”.

Política

Respondendo ás preguntas sobre as valoracións realizadas polo actual alcalde sobre os resultados municipais, di Bugallo que “comprendo que todos queremos un triunfo como o que tivo o PSOE o domingo pasado. Martiño Noriega tamén. Pero desde logo, paréceme un exceso que intente apropiarse dese éxito, salvo que estivese pensando en incorporarse ao Partido Socialista. Xa mudou tres veces de siglas, e polo tanto non é descartable que aínda poida cambiar unha cuarta”. Engade o candidato á alcaldía “vexo que el está un pouco obsesionado comigo, o que me parece realista, porque, efectivamente, os datos que nós temos, como temos todos desde hai varios meses, é que basicamente esta liga se vai disputar entre dous”.

Na opinión de Bugallo “Martiño Noriega, quen por certo, leva a metade da súa vida ocupando cargos públicos, non foi un bo alcalde de Santiago. Creo que o seu goberno é un fracaso desde o punto de vista de xestión, e é inexistente desde o punto de vista do proxecto da cidade. E desgraciadamente, véxome obrigado a plantexalo así, porque el é o alcalde, e non lle podo facer oposición a quen non o é. E engade, “porque os feitos avalan esta visión que teño, que por certo, e el sábeo ben, é compartida polo 65% dos composteláns. Pensan que este goberno é un fracaso, pensan que a cidade está peor, pensan que Santiago perdeu pé. Pénsano porque é a verdade”.

Aclarou Bugallo que é falso que lle merque o discurso á dereita. “Noriega sábeo perfectamente. O meu discurso é un discurso cidadá, de defensa de Santiago, comprometido con Santiago, e cun proxecto progresista para Santiago; o que el foi incapaz de formular e foi incapaz de executar”. Para o candidato, é a cidadanía quen ten que valorar co seu voto, o que se fixo e o que non se fixo. “Sempre estiven comprometido cunha visión de xustiza social, de igualdade, de liberdade, na que todos nos sentiramos cómodos”. Ser progresista, engade, “non é defender a uns e excluír a outros. É buscar un espazo de convivencia”.

Di Bugallo que o que defende Noriega é unha opción que consiste “en facer que se fai, en dicir que había que facer, pero non facer”. Pon exemplos: a campaña Compostela en Negro, pero sen medidas concretas para axudar as mulleres vítimas de violencia machista. Pregunta Bugallo: “a campaña de sensibilización, fantástica, e o apio real, onde está?” E continúa, “enchémonos a boca da falar contra os desafiuzamentos. Onde están as vivendas de protección oficial? Os solares municipais están baleiros, criando herba ou como aparcadoiro de coches. Non as fixo”. Finaliza Bugallo sinalando: “o problema do Sr. Noriega é que a diferencia entre o seu discurso e os seus feitos é, simplemente, abismal. O seu discurso pode mercar moita xente, pero os seus feitos, desgraciadamente, non subscriben ese discurso”.

Programa económico

VIII.- COMPOSTELA, UN CONCELLO DE OPORTUNIDADES: INNOVACIÓN-COMPETITIVIDADE- EMPREGO 

46. Promoveremos a colaboración das empresas que operan en Compostela para a ampliación da FP dual e a realización de prácticas profesionais para os estudos de grado e posgrao, que funcionen como vías de inserción laboral. 

47. Reforzaremos a competencia en idiomas estranxeiros e outras capacidades para enfrontarse á procura de emprego poñendo en práctica programas específicos dirixidos á poboación potencial, utilizando os recursos municipais como a rede de centros socio culturais.  

48. Dotarémonos dunha estrutura de acollida, de participación municipal, xunto coa Cámara de Comercio e a USC, a partir do actual CERSIA, volcado na difusión exterior das vantaxes de investir en Compostela e na súa imaxe de marca como concello atractivo e innovador, na captación de investimentos, así como no acompañamento ás iniciativas empresariais que queiran instalarse en Compostela para facilitar a súa radicación no noso concello, axudándolles na procura de solos ou locais, na xestión de axudas e bonificacións fiscais e actuando singularmente na propia administración municipal para facilitar a superación dos trámites burocráticos.

49. Modificaremos as ordenanzas fiscais para bonificar ás empresas de nova implantación ou ás que realicen investimentos de ampliación e mellora con creación de postos de traballo.

50. Asemade, habilitaremos unha estrutura administrativa específica para a tramitación das licenzas vencelladas á actividade empresarial.

51. Promoveremos en solos municipais a oferta de naves en réxime de aluguer dando preferencia ás empresas de orixe local e ás procedentes das incubadoras de empresas (USC, Cámara). 

52. Colaboraremos coa USC e a Cámara de Comercio para que Compostela conte cun “hub tecnolóxico”, con financiamento externo, que sirva para a atracción de talento e proxectos no ámbito biotecnolóxico.


53. Reforzaremos o papel do Consello Económico e Social de Compostela para que sirva de instrumento de detección de necesidades das empresas establecidas así como de colaboradora na anticipación dos retos do futuro e promoveremos a realización dun novo Plan estratéxico 20/30 en colaboración coa USC e os axentes sociais para definir os retos da vindeira década e orientar a acción municipal. 

54. Favoreceremos a inserción socio-laboral das persoas desempregadas, priorizando os colectivos con especiais dificultades de inserción: mulleres, persoas desempregadas de longa duración, mocidade, maiores de corenta e cinco anos, persoas con diversidade funcional, etc., a través da incorporación de cláusulas que a estimulen nos pregos de condicións dos contratos do Concello. 

55. A través da Oficina de Promoción Económica actuaremos proactivamente na promoción do emprego e facilitaremos aquelas iniciativas que procuren un incremento da calidade de vida e a creación de capacidades competitivas para o concello, a partir dunha adecuada xestión dos seus activos e recursos.

Comentarios
Lo más