O escritor ourensán Ricardo Cid Paz gaña o XIII Premio de Relato Curto que convoca Alumni USC
“O isco”, título do texto, é “unha historia impactante, ben estruturada e cunha tensión crecente”, segundo indica o xurado
A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela (Alumni USC) outorga a décimo terceira edición do Premio Relato Curto a Ricardo Cid Paz (Ourense, 1974), autor do texto intitulado “O isco”. A peza conta a relación dun pai e un fillo que saen xuntos a pescar, ata que un día en que o pai vai só, este aparece afogado no río. O xurado resaltou a capacidade do autor á hora de presentar unha historia “impactante, ben estruturada e cunha tensión crecente ata o poderoso final do relato”. Tamén valorou a “forza duns personaxes ben debuxados, a excepcional calidade da páxina escrita –caracterizada por un vizoso léxico– e o profundo coñecemento do medio que recrea: o río”, segundo recolle a acta do Premio, que ten unha dotación económica de 500 euros, cantidade que achega o Instituto Policlínico La Rosaleda (HM Hospitales).
O autor premiado reside en Ourense e dedícase profesionalmente ao mundo da veterinaria. Licenciado en Veterinaria pola USC e graduado en Ciencias Ambientais pola UNED, Ricardo Cid xa ten obra publicada e acadou o primeiro premio do concurso Balbino de relatos en 2017, e o segundo no certame literario do Concello de Ames de 2018, entre outras distincións. De feito, Edicións Fervenza publicou a obra coa que gañou o Balbino, De que falarán as árbores.
Ao certame concorreron cincuenta orixinais, duplicando a participación na edición anterior, e o xurado estivo formado por Armando Requeixo –investigador e crítico literario–, Rocío Leira Castro –gañadora da pasada edición– e Inmaculada Sánchez Leira –socia lectora de Alumni USC–. Os avaliadores ponderaron, ademais da “elevada” participación, “a calidade dun bo número de traballos e a súa variedade temática e estilística”. O acto de entrega celebrarase en xuño nunha sesión literaria na que o autor premiado porá voz ao seu texto. Paxaros caídos, de Rocío Leira, e O segredo de Moira, de María González Blanco, foron as obras premiadas nas dúas convocatorias anteriores.
A presidenta de Antigos Alumnos, Benita Silva, que agradece o patrocinio de La Rosaleda un ano máis, indica que o certame é unha das actividades culturais da asociación coa que se pretende chegar ao maior número de persoas posible. “Comprobamos ano a ano o elevado talento dos participantes, así que animamos a xente de todo tipo, afeccionados e profesionais, a presentar as súas propostas”, segundo indica Silva.