Agustín Hernández porá en marcha un programa “Inglés sen cancelas” para potenciar o aprendizaxe deste idioma nos sectores turístico, educativo e empresarial
Neste momento, o inglés é o idioma máis común como segunda lingua das persoas que visitan Santiago, desde o Concello
propoñeremos iniciar un programa de coñecemento e formación nesa lingua, dirixido aos ámbitos e colectivos antes descritos
O candidato e presidente do Partido Popular de Santiago, Agustín Hernández, presentou hoxe unha nova cláusula do contrato que asinará coa veciñanza. Neste caso, se obtén a confianza da maioría dos santiagueses o vindeiro 26 de maio, porá en marcha un programa de fomento de inglés, “Inglés sen cancelas”.
Para iso, explicou Hernández, “centrarémonos en tres sector o turístico, para mellorar a oferta de servizos e a imaxe da cidade; o educativo, co fin de facilitar o intercambio idiomático e cultural no ensino secundario e universitario; e o empresarial e de negocios, para fortalecer a capacidade de innovación, de expansión e de alianzas das empresas e dos profesionais de Santiago.
Conscientes de que, neste momento, o inglés é o idioma máis común como segunda lingua das persoas que visitan Santiago, desde o Concello propoñeremos iniciar un programa de coñecemento e formación nesa lingua, dirixido aos ámbitos e colectivos antes descritos.
O voceiro Popular subliñou que esta acción formativa busca transmitir a dobre idea de, por unha parte, poder adquirir o coñecemento dunha lingua que traspasa fronteiras e actúa como nexo común; e, por outra, realizar ese coñecemento sen grandes dificultades, con fin de facilitar a máxima participación e seguimento.
Para esta medida, concretou, “procuraríamos o concerto e a participación das entidades educativas para facer o deseño, adecuación e execución da proposta; e das asociación de cada sector ao que vai dirixida, na procura do seu apoio, a implicación e difusión nos distintos ámbitos”. Turismo
Concretamente, destacou, esta iniciativa vai dirixida a profesionais do sector servizos, sobre todo, os relacionados co turismo, como a hostalería, hospedaxe, restauración, transporte, comercio ou organización de eventos, entre outros.
Agustín Hernández destacou que é imprescindible incrementar a competencia lingüística do persoal, a través dun contacto máis directo co público para mellorar os servizos, satisfacer a demanda e ofrecer unha imaxe de excelencia no tratamento e na atención dos visitantes.
“Os cursos terían un carácter sinxelo e práctico, para obter coñecementos básicos e un aceptable nivel de comprensión e de conversación para un fluído intercambio comunicativo, polo que, con esta medida, acadariamos avanzar na excelencia da nosa oferta turística e situar a cidade como un destino amigable para a comunicación e o intercambio”, aclarou .
Para o dirixente Popular, “si sumamos o inglés ao galego e ao castelán chegaremos a un amplísimo universo de visitantes e de falantes de países e culturas moi diversos” o que repercutiría nunha mellora da economía local.
Educativo
Dentro desta proposta, haberá unha liña dirixida ao sector educativo, facilitando a creación de axudas e bolsas para o alumnado de primaria, secundaria e mesmo da Universidade, con cursos de intercambio co obxectivo de mellorar a aprendizaxe da lingua inglesa coa estancia en países onde sexa o idioma oficial.
Con este fin, aclarou Hernández, “faremos un ofrecemento aos representantes da comunidade educativa para poñer en marcha esta iniciativa, na que os centros académicos colaborarían na súa organización e desenvolvemento, mentres o Concello achegaría, sobre todo, o apoio financeiro e de divulgación para facer posible a estadía do estudantado compostelán en países anglófonos e a posible chegada do alumnado estranxeiro á nosa cidade”.
Empresarial
Así mesmo, esta proposta iría dirixida ao sector empresarial da cidade, en especial, a aqueles cunha orientación ou cunha marcada proxección europea e mesmo mundial.
O candidato Popular incidiu en que, na actualidade, hai xa varias empresas con forte presenza en mercados internacionais ou con alianzas estratéxicas no exterior que precisan profesionais con capacidade para comunicarse en países con moi distintos idiomas, onde o inglés actúa como unha lingua común para os negocios e transaccións.
Para eses casos e tamén para outras actividades empresariais ou profesionais que o demanden, iría destinado “Inglés sen cancelas”, que ofrecería unha base sólida e moi eficaz, orientada, sobre todo, como no caso do sector turístico, a garantir un nivel de conversación e de intercambios que facilite tanto a aprendizaxe, como uns resultados suficientes para as necesidades de comunicación nesta área.
Esta proposta para o sector empresarial e o mundo dos negocios articularíase en colaboración coa Cámara de Comercio, a Universidade e as diferentes entidades representativas do mundo empresarial no noso Concello.