miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O PSOE de Ordes presenta hoxe unha candidatura renovada e integradora

O PSOE de Ordes presenta hoxe unha candidatura renovada e integradora
O PSOE de Ordes presenta hoxe unha candidatura renovada e integradora

Fernando Viqueira encabeza unha lista renovada nos seus primeiros

catro postos xunto a Carmen María Ferreiro, María Concepción

Berdomas e Noelia Rivadas

O PSOE de Ordes celebrará hoxe martes 30 de abril, ás 21:00 horas, o acto de presentación da súa candidatura ás eleccións municipais do vindeiro 26 de maio. Un acto que terá lugar no restaurante O Túnel (Ordes) e ao que o candidato socialista, Fernando Viqueira Nouche, convida a toda a veciñanza para “coñecer as nosas ideas e propostas, así como achegarnos as súas suxerencias para incorporalas ao noso programa de Goberno”.

Fernando Viqueira asegura que se trata “dunha lista renovada, con xente preparada e con moitas gañas de traballar para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ordes.

Unha candidatura integradora na que fomos quen de sumar todas as voces do socialismo do municipio e coa que queremos recuperar a confianza dos votantes que onte levaron a Pedro Sánchez á Presidencia do Goberno”.

A candidatura está encabezada por Fernando Viqueira, avogado de 51 anos que decidiu dar este paso adiante porque “Ordes necesita unha alternativa real de cambio que o volva converter no motor económico e cabeceira real da comarca”. Neste sentido, adianta que “a nosa prioridade será o emprego, pois diso dependen as nosas familias, o noso comercio e toda a vida social en Ordes”.

Renovación nos catro primeiros postos

Para conseguilo, Viqueira Nouche contará cun equipo renovado nos seus primeiros catro postos, que ocupan outras tantas mulleres. “Un equipo de persoas honestas e traballadoras nas que a veciñanza de Ordes pode confiar e que que é a alternativa real de cambio que Ordes necesita para saír do declive no que o ten o Partido Popular”, apunta.

A candidata número dous é Carmen María Ferreiro Villaverde, licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e que traballa na biblioteca provincial da Deputación da Coruña. A terceira da lista, María Concepción Berdomas García, é veterinaria e ten un profundo coñecemento da realidade do ensino no municipio, pois é a vicepresidenta da ANPA do CEIP Mesón do Vento. Finalmente, Noelia Rivadas López, de 23 anos, estudou Logopedia na Universidade da Coruña e actualmente prepara oposicións ao Sergas.

“Os socialistas de Ordes presentámonos ás eleccións do 26 de maio como un equipo unido, sen protagonismos de ningún tipo. No que ao impulso e gañas das novas incorporacións sumamos a experiencia e os coñecementos dos nosos predecesores, que tamén forman parte da candidatura para, xuntos, conseguir sacar a Ordes da parálise que vive”, adianta o candidato da Agrupación Socialista de Ordes.

Comentarios
Lo más