Bugallo fala cos veciños de Angrois e Casa Novas
No encontro asumiu, entre outras reivindicacións, instalar unha pasarela peonil paralela á ponte, acondicionar o paseo a carón do Río Sarela, e colocar unha marquesiña na parada do autobús
O candidato á alcaldía de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, achegouse nas últimas horas ata o lugar de Angrois e o barrio de Casas Novas. En Angrois asumiu o compromiso de acondicionar o local social e o campo da festa, e arranxar os accesos para que poidan acceder os camións. Prometeu tamén adecentar o parque infantil, incluídos os columpios e aparellos biosaúdables, “que se atopa nunhas condicións que o fan inutilizable”; e realizar diferentes actuacións vinculadas coa canalizacións de augas, principalmente pluviais. Tamén se contemplará, dixo, unha liña de transporte urbano.
Son parte dos compromisos adquiridos cos veciños, despois das numerosas reivindicacións formuladas no transcurso da visita que Sánchez Bugallo e os membros da súa candidatura, Mila Castro, Gonzalo Muíños, e José Manuel Pichel; realizaron ao lugar de Angrois.
A continuación tivo lugar un encontro coa AVV Falda do Pedroso, ao que se incorporaron outros tres membros da candidatura: Mercedes Rosón, Marta Abal e Rubén Prol. Sánchez Bugallo comprometeuse a instalar unha pasarela peonil paralela á ponte, ao acondicionamento do paseo a carón do Río Sarela, a colocar unha marquesiña na parada do autobús, e á prolongación da beirarrúa desde o parque dos Camallóns ata o cruceiro.
Outros compromisos adquiridos: o arranxo de camiños e fochancas, e subsanar as deficiencias de mantemento tanto na rede viaria como no alumeado público. Tanto os veciños de Angrois como os de Casas Novas quéixanse, do “estado de descoido e abandono no que se atopan”.