Tres persoas son trasladadas ao hospital despois de inhalar fume na súa vivenda de Vilaboa
O incendio tivo lugar en Pazos, no número 61, e tamén provocou danos no interior do soto da casa
Tres persoas precisaron asistencia médica a pasada noite en Vilaboa despois de declararse un incendio no baixo dunha casa. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, as tres persoas, que presentaban síntomas por inhalación de fume, tiveron que ser trasladadas ao Hospital de Montecelo.
O incendio tivo lugar en Pazos, no número 61, e tamén provocou danos no interior do soto da casa. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, arderon varios barrís e mobles e tamén viuse afectado un depósito de combustible.
Unha persoa particular contactaba co 112 Galicia ao fío das 23:30 horas para alertar dos feitos.
A partir de aí, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros do Morrazo e de Pontevedra, da Garda Civil e de Protección Civil.
Xa na vivenda, os servizos de emerxencia atallaron o lume e arrefriaron a zona afectada. Por outra banda, as tres persoas afectadas recibiron asistencia nunha ambulancia e, posteriormente, foron trasladadas.