Unha remontada épica para o Santiago Futsal
Os celestes tiñan enfronte a un bloque novo, con moita calidade e que non lle puxo as cousas fáciles en Santa Isabel, onde o resultado final fora de 3-3 tras un duro partido
O encontro que onte se celebrou ás 20:30 no pavillón Jose María Cagigal enfrontaba ao Santiago Futsal cun dos mellores filiais da liga Nacional de Fútbol sala.
Nesta penúltima xornada, os de Santi Valladares afrontaban o partido co obxectivo de gañar e esperar unha derrota do Córdoba CF Futsal este sábado ante un CD Rivas que nada podía facer por aspirar ao playoff.
Os celestes tiñan enfronte a un bloque novo, con moita calidade e que non lle puxo as cousas fáciles en Santa Isabel, onde o resultado final fora de 3-3 tras un duro partido.
O choque comezou moi de fronte para os locais. En apenas dous minutos de xogo El Pozo Ciudad de Murcia xa ía gañando 2-0 con goles de Ismael e Nacho. O Santiago Futsal tentou reaccionar con dous tiros de Everton, o primeiro parado por Guillamón e o segundo fóra tras unha falta directa. Zequi tampouco puido co porteiro local e Gambín puxo o 3-0 a favor do Pozo Murcia B no minuto 12.
Coa proximidade do descanso o Santiago Futsal tomou a iniciativa e acosou a portería rival, recortando a través de Lucas e Santi a distancia a un gol, ambos con bos disparos no último minuto da primeira metade.
Nada máis comezar a segunda parte Lucas conseguiu o empate a pracer e o Santiago Futsal puxo toda a carne no asador con Zequi como porteiro xogador xa no minuto 22. Everton, no 27, adiantou ao Santiago cun gran tiro lonxano e remontou así o partido.
O equipo anfitrión tentou reaccionar, xogando de 5 xa desde o minuto 30 e case conseguiu o empate a través de José Saura pouco despois. Os minutos pasaron pero El Pozo non puido coa gran defensa dos galegos que non deu opción.
Desta forma, o conxunto santiagués levou un partido no que estivo 3 goles por baixo e segue soñando co playoff á espera do que faga o Córdoba CF Futsal mañá sábado.
Os celestes iniciaron o seu regreso nada máis finalizar o encontro e a chegada á capital galega está prevista para a primeira hora do sábado.