Absolven aos acusados dunha fraude millonaria de telefonía
Os maxistrados lembran que a intervención dos terminais é “unha das actuacións xudiciais que supón maior inmiscisión no ámbito da intimidade e do segredo das comunicacións"
A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo anulou as intervencións telefónicas realizadas no marco da investigación da presunta defraudación de millóns de euros a Facenda coa compra de teléfonos móbiles e absolveu os dez acusados.
O tribunal argumenta que as declaracións como testemuñas dos dous axentes que dirixiron a investigación policial puxeron de manifesto que a solicitude de intervencións telefónicas realizouse “como método de toma de coñecemento de que era o que existía de certo nas sospeitas que se poñían de manifesto por parte da xefa de xestión da Axencia Tributaria”.
Os maxistrados lembran que a intervención dos terminais é “unha das actuacións xudiciais que supón maior inmiscisión no ámbito da intimidade e do segredo das comunicacións que, como dereito fundamental, se debe salvagardar e só pode ser tomado polas autoridades como método de investigación cando xa se esgotaron os métodos que son menos invasivos”.
O tribunal indica que a exposición que se realizou ao xulgado de instrución cando se solicitaron as intervencións daba a “aparencia” de que se realizaron investigacións policiais e de que existían indicios “e non só suposicións policiais” de que se poderían estar a cometer feitos que podían ser delituosos. “O certo, con todo, é que as dúas testemuñas fundamentais puxeron de manifesto no xuízo que a realidade era moi outra e que nada se realizou policialmente e que o primeiro ao que se acudiu para realizar a investigación foi a solicitude de intervencións telefónicas”.
A Audiencia conclúe na sentenza que “parecen efectivamente existir unha serie de malas praxes por parte dalgúns dos imputados, pero sen que, no presente suposto e co conxunto das actividades despregadas, sexa posible entender que, desde o ámbito do dereito penal, se poida realizar reproche de ningún tipo”.