jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Antonio Seijas presenta en Santiago unha mostra de pinturas nas que a luz ten unha importancia “capital”

Antonio Seijas presenta en Santiago unha mostra de pinturas nas que a luz ten unha importancia “capital”
Antonio Seijas presenta en Santiago unha mostra de pinturas nas que a luz ten unha importancia “capital”

Composta por unha vintena de obras de gran formato, “Silencio na luz” inaugurarase o luns no Centro Empresarial do Tambre e poderase visitar ata o 24 de maio

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará hoxe, día 29 de abril, a exposición de pintura “Silencio na luz” do artista aresán Antonio Seijas, un dos grandes ilustradores españois do momento. O acto celebrarase ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre, e contará coa presenza do artista e do comisario da exposición e membro da xunta directiva da asociación empresarial Manuel Nieto. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 24 de maio.

O artista sinala que a mostra reúne unhas vinte obras, a maioría de gran formato, onde a luz ten unha importancia “capital” marcando a atmosfera e o ambiente, un resultado conseguido grazas ao traballo coa cor. Segundo explica, a luz convértese “nunha ferramenta que nos fai ver o mundo tal e como o coñecemos, con algo moi profundo e sagrado nela que nos conecta co intanxible”. “A luz abre a porta da realidade verdadeira desde o silencio do lenzo” –destaca–.

Nesta faceta como pintor, Antonio Seijas asegura que a pintura permítelle experimentar con outras técnicas artísticas que ofrecen resultados moi diferentes. Nesta exposición, o artista empregou fundamentalmente acrílicos, aínda que algunha obra tamén leva óleo á auga mesturado cos acrílicos.

Afastado da cuestión do estilo artístico, Antonio Seijas plasma en cada obra unha cousa concreta, unha idea ou imaxe que se lle ven á cabeza, ás veces con toques máis figurativos, outras surrealistas ou máis abstractos.

A través da arte, Antonio Seijas tenta transmitir ao público como entende e sinte o mundo, ademais de procurar comprenderse a si mesmo. Ademais, lembra que o público vai a engadir a súa bagaxe persoal, o seu xeito de ver as cousas, e nese encontro entre artista e público xurde a comunicación entre as dúas partes. “Son consciente de que o que eu pretendo transmitir chega alterado a cada espectador de maneira diferente” –apunta–.

DOS CÓMICS Á PINTURA

Antonio Seijas (Ares, 1976) é historiador da arte, ilustrador, pintor e autor de banda deseñada. Publicou tres novelas gráficas: “Un hombre feliz”, gañadora do Certame Castelao (2006) e premio do público ao Mellor Guión no Saló del Cómic de Barcelona (2008) e tamén foi adaptado a formato radio-teatro pola Radio Nacional Eslovena; “Cartas de Inverno”, Premio Isaac Díaz Pardo ao Mellor Libro Ilustrado pola Asociación Galega de Editores (2012) “LA LUZ”, e nominado a Mellor Obra Nacional en Expocómic (2014).

Fai traballos para revistas, xornais, ducias de portadas de libros, portadas e libretos para discos de grupos como Marillion, (o deseño para un deles, o “Happiness is the Road” foi escollido por votación nunha web especializada holandesa como o mellor deseño do ano entre máis de 100 discos), Luar Na Lubre…, ilustracións para literatura infantil e xuvenil, (Galaxia, Xerais, Embora, Trifolium, Auga Editora, Baía Edicións, Hércules Ediciones, etc... ), logos como os da Fundación de David Lynch e ilustracións para series como “La que se avecina”.

Participou en diversas exposicións de pintura e ilustración: Ramses by Philippe Stark, en Madrid; Galería Sargadelos de Ferrol; Escola de Finanzas de Oleiros; Casa Museo María Pita na Coruña; Museo Exponav de Ferrol; Sala de Exposicións de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela; Sala de Exposicións da Autoridade Portuaria de Ferrol; Certame Internacional Gois-Oroso, etc. Ademais, foi comisario da exposición do 30º Aniversario de Luar Na Lubre en A Coruña, para os que tamén realizou as sesión de fotos oficiais.

Comentarios
Lo más