A análise dos resultados das eleccións no Ateneo de Santiago
Como se ven facendo dende hai máis dun decenio no Ciclo Os Luns do Ateneo, esta actividade, aberta ao público en xeral ata completar a capacidade da sala
Hoxe luns, día 29, o Ateneo de Santiago pechará o mes de abril coa tradicional mesa redonda sobre as eleccións ás Cortes Xerais celebradas onte.
Baixo o título “Reflexión postelectoral”, o Profesor de Ciencias Políticas da USC Antón Losada, o comentarista político de La Voz de Galicia Domingos Sampedro e a redactora xefa de Europa Press Beatriz Vila analizarán os resultados saídos das votacións do 28A ao Congreso, nun acto que estará moderado polo xornalista Fernando Salgado.
Como se ven facendo dende hai máis dun decenio no Ciclo Os Luns do Ateneo, esta actividade, aberta ao público en xeral ata completar a capacidade da sala, desenvolverase ás 20 horas na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela, e tamén se poderá seguir en directo a través do facebook da entidade.
Antón Losada é Doutor en Dereito pola Universidade de Santiago, Profesor de Ciencias Políticas dende 1998 e ten un máster en xestión pública pola Universidade Autónoma de Barcelona. Comentarista de Cadena Ser, participou en diversos parladoiros radiofónicos e escribiu artigos no xornal electrónico Xornal.com, en La Opinión e en El Periódico de Catalunya. A mediados dos anos noventa ocupou a dirección de Radiovoz en Madrid.
Domingos Sampedro realizou os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela e posteriormente na Universitat de Barcelona. Na actualidade é redactor de La Voz de Galicia dende 1996.
Beatriz Vila Couto é redactora parlamentaria de Europa Press dende 2007 e anteriormente traballou como redactora responsable das áreas de sanidade e sociedade na Axencia Galega de Noticias. Á marxe do xornalismo, foi tamén profesora.