miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Xunta empregará drons para mellorar a vixilancia, a detección e a extinción de incendios forestais

A Xunta empregará drons para mellorar a vixilancia, a detección e a extinción de incendios forestais
Foto de arquivo
A Xunta empregará drons para mellorar a vixilancia, a detección e a extinción de incendios forestais

José González destacou o incremento da rede de vixilancia fixa, que chegará a contar con 118 cámaras de última xeración nos montes galegos, 30 máis que o pasado ano

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu hoxe a reunión do Consello Forestal –a segunda xa deste ano– na que se presentou ao sector o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2019), que será aprobado proximamente polo Consello da Xunta. Segundo explicou o conselleiro, trátase dunha actualización anual desta planificación, que está sempre vixente, para introducir melloras nos eidos da prevención, detección, disuasión, investigación, extinción e formación.

Neste sentido, José González salientou entre as principais novidades o uso de drons para vixilancia preventiva (incluíndo o control da xestión da biomasa nas franxas próximas ás vivendas), para detección de incendios e para apoio á extinción. Este sistema servirá tamén para apoiar o labor das brigadas de investigación. Así mesmo, o titular de Medio Rural destacou tamén a posta en marcha dun teléfono específico e gratuíto de denuncias anónimas contra conductas incendiarias, que estará operativo na época de alto risco de lumes.

Outra novidade importante, tal e como sinalou o conselleiro, é o incremento da rede de vixilancia fixa, con 30 novas cámaras de última xeración, que se suman ás 88 xa despregadas e que cubrían o 56% do territorio galego. Así pois, este ano funcionarán un total de 118 cámaras de vixilancia nos montes galegos.

Por outra banda, José González avanzou que este ano se reducen en seis as Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI), quedando en 71, en función de criterios como o número de lumes rexistrados e a súa virulencia.

Colaboración cos concellos

José González indicou ademais que o reforzo da colaboración cos concellos para o exercicio das competencias en materia de prevención de incendios centra tamén boa parte do Pladiga 2019, no contexto da addenda que se vén de asinar coa Fegamp e con Seaga para mellorar o convenio de protección das aldeas.

Outros aspectos destacados pasan pola potenciación do emprego de queimas controladas para a xestión da biomasa, para o que se vai elaborar un protocolo sobre a execución destes labores. Ademais, porase en marcha un completo plan de formación centrado en aspectos clave como a seguridade, a coordinación, a investigación ou a xestión de grandes lumes. Así, vanse impartir 15 cursos sobre primeiros auxilios, en relación coa dirección e coordinación de grandes incendios ou a sobre a condución de vehículos todoterreo e motobombas, entre outros.

Outros temas

O conselleiro subliñou ademais que nesta sesión do Consello Forestal abordáronse tamén outros temas, dentro do ámbito de actuación da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Entre eles, as melloras na tramitación e xestión telemática das solicitudes de aproveitamentos madeireiros, a información ao sector sobre as existencias de sementes e plantas forestais ou o estado de tramitación dos convenios e consorcios asinados coa Administración forestal e para os que os titulares solicitaron a súa rescisión.

Así, en relación coas sementes, a Consellería do Medio Rural dispón de máis de 900 quilos de material de piñeiro, abarcando as especies Pinaster, Radiata e Sylvestris, así como de 60 kg de carballo (Quercus Robur), entre outras árbores.

A maiores, tratouse tamén o control sanitario de pragas e enfermidades forestais, con especial atención ao chancro e á avespiña do castiñeiro, así como ao gorgullo do eucalipto.

Nesta liña, o conselleiro sinalou que ao longo desta primavera vanse facer arredor de 14.000 inoculacións de cepas hipovirulentas nos castiñeiros (das cales xa se realizaron 9.000) para loitar contra o chancro e en todo o ano está previsto soltar ata 1,6 millóns de individuos do parasitoide Torymus sinensis, que se usa na loita biolóxica contra a avespiña. Así mesmo, en relación coa enfermidade do eucalipto, José González remarcou que no que vai de ano colocáronse xa un total de 4.830 bolsas de ootecas parasitadas (depósitos de ovos) de Anaphens nitens, un parasito natural do gorgullo.

Comentarios
Lo más