Punto e final ao conflito da Policía Local de Ames
No pleno celebrado onte á noite, a corporación aprobou, sen ningún voto en contra, as reivindicacións laborais, con incrementos salariais nos complementos de destino e específico
A Federación de Servizos á Cidadanía de Comisións Obreiras (FSC-CCOO) acaba de anunciar a fin do conflito na Policía Local de Ames. No pleno celebrado onte á noite, a corporación aprobou, sen ningún voto en contra, as reivindicacións laborais, con incrementos salariais nos complementos de destino e específico.
Este acordo dá cabo dunha "discriminación histórica" deste colectivo respecto do resto do persoal municipal pertencente ao mesmo grupo profesional, conseguindo de feito a equiparación salarial dentro do propio Concello.
Desde o sindicato comarcal da FSC-CCOO salientan que isto foi posible, en gran medida, grazas ao traballo e ás propostas deste sindicato. Precisamente, foi a instancias de Comisións que se iniciou a mediación no Consello Galego de Relacións Laborais entre a Alcaldía e representantes do persoal. Froito desa mediación, o pasado 17 de xaneiro chegábase a un preacordo entre ambas as partes que determinaba a folla de ruta para seguir, que culminou onte na aprobación en pleno das reivindicacións do persoal.
O sindicato congratula a todo o persoal da Policía Local, pero tamén ao alcalde, José Miñones, "porque entre todos demostraron que con diálogo e negociación é posible asinar acordos e rematar con situacións inxustas".