Inquedanzas organiza en Ordes unha mesa redonda sobre a revolución dos Caraveis
O Museo do Traxe Juanjo Liñares acollerá ao almirante Martíns Guerreiro e o coronel Xosé Fortes, que serán moderados por Antonio Campos Romay, ex deputado no Parlamento de Galicia
A Asociación Cultural Inquedanzas (Ordes) conmemorará o 45 aniversario da Revolución dos Caraveis, que se cumpriu o pasado xoves, organizando unha mesa redonda que terá lugar hoxe sábado 27 de abril, ás 20:30 horas, no Museo do Traxe Juanjo Liñares de Ordes. Unha xornada, de acceso libre e de balde, que contará coa presenza do almirante Martíns Guerreiro, membro do Consello da Revoluçao, e do coronel Xosé Fortes, membro fundador da Unión Militar Democrática (UMD). Actuará como moderador Antonio Campos Romay, ex deputado no Parlamento de Galicia e ex tenente de alcalde da Coruña.
Martíns Guerreiro impartirá a charla “O 25 de abril e a revolución portuguesa”, durante a que analizará as motivacións do golpe de estado que acabou coa ditadura salazarista en Portugal e lembrará as distintas fases da revolución, entre o 25 de abril e o 25 de novembro, e que remataron coa conquista das “3 Des”: democratizar, descolonizar e desenvolver.
Pola súa banda, o coronel Xosé Fortes falará sobre “A influencia da Revolución portuguesa na transición española”. Fortes explicará as influencias que a UMD tivo do Movemento das Forzas Armadas (MFA) en Portugal e lembrará as detencións do verán de 1975 e o papel da UMD para democratizar as Forzas Armadas e derrocar á ditadura.
POÑENTES
Manuel Beiräo Martíns Guerreiro (1940, Sâo Brás de Alportel) tomou parte activa na preparación e execución da chamada Revolución dos Caraveis, que acabou coa ditadura salazarista en Portugal. Tamén tomou parte no proceso revolucionario como membro do Consello da Revoluçâo, do que foi integrante dende a súa constitución ata a súa disolución. Defensor activo dos dereitos humanos e a xustiza social foi, segundo os seus compañeiros, un revolucionario antes da Revolución.
Xosé Fortes Bouzán (1934, Cotobade). Militar e historiador, foi membro fundador da UMD. En xullo de 1975 foi detido, procesado, condenado a catro anos de prisión e expulsado del Exército. Sería amnistiado en 1976, reincorporándose ás Forzas Armadas co grado de Coronel, pasando á Reserva. É autor dun amplo catálogo bibliográfico.