O 2 de maio abre o período de solicitude de praza no Servizo Universitario de Residencias da USC
O 11 de xullo publicaranse as listas provisionais de solicitantes, e haberá un prazo ata o 26 de xullo para entregar a documentación requirida
O próximo xoves 2 de maio abrirase o prazo de solicitude no Servizo Universitario de Residencias da USC (SUR), período que se estenderá ata o 28 de xuño. O SUR ofertará para o próximo curso 2019-2020 un total de 1.071 prazas de aloxamento.
Do total da oferta, 945 estarán reservadas para estudantes de grao, outras 48 para alumnado de másteres universitarios oficiais, 41 para os de doutoramento a tempo completo e investigadores en formación e outras 27 para membros da comunidade universitaria con necesidades educativas específicas derivadas dunha condición de discapacidade. Restarían cinco para estudantes de posgrao propio e outras tantas para persoal docente e investigador e de administración e servizos.
As cotas, para todo o curso académico, oscilan entre os 414 euros e os 2.628 euros en función do tipo de habitación e do nivel de Renda Persoal Dispoñible de cada solicitante.
Unha vez procesadas as solicitudes, o 11 de xullo publicaranse as listas provisionais de solicitantes, e haberá un prazo ata o 26 de xullo para entregar a documentación requirida ou que estimen oportuna para completar as solicitudes. Finalmente, o día 31 publicaranse as listas definitivas.