Os alevíns de Bertamiráns proclámanse campións da súa categoría na Fase Intercomarcal de Xadrez celebrada en Negreira
O domingo 7 de abril, o pavillón deportivo municipal Pedra Mámoa de Negreira acolleu unha das fases intercomarcais do campionato Xogade de Xadrez
O domingo 7 de abril, o pavillón deportivo municipal Pedra Mámoa de Negreira acolleu unha das fases intercomarcais do campionato Xogade de Xadrez. Dito torneo contou coa participación de arredor de 70 nenos e nenas nas categorías benxamín, alevín e infantil. O equipo de Bertamiráns acadou o primeiro posto da categoría alevín, despois dunha dura partida contra o club Brétema. Os primeiros clasificados nas fases intercomarcais participarán o vindeiro 4 de maio no Campionato Provincial de Xadrez na Coruña.
A través da campaña de actividade lúdico-deportiva XOGADE, a Xunta de Galicia busca que os nenos e nenas practiquen e compitan con clubs e colexios de todo o territorio galego co obxectivo de fomentar e estender o deporte educativo e saudable entre os cativos/as. Así, nesta iniciativa teñen cabida actividades como baloncesto, fútbol sala, natación, xadrez, bádminton, judo, etc.
Ao abeiro deste programa, o domingo 7 de abril desenvolveuse en Negreira unha das fases intercomarcais do campionato de xadrez, na que participaron equipos da comarca do Barbanza e dos municipios de Cee, Padrón, Boiro, A Baña, Portomouro, Negreira e Ames. Durante o campionato participaron arredor de 70 nenos e nenas das categorías benxamín, alevín e infantil. Os clasificados acudirán o próximo sábado 4 de maio ao Campionato provincial de xadrez, que se disputará no complexo deportivo Elviña da Coruña.
Así, durante a xornada o equipo de Bertamiráns, formado por Hugo, Noel, Nico e Pedro; conquistou o primeiro lugar da categoría alevín nunha partida na que se enfrontaron ao club Brétema. Se ben o grupo amesá comezou a última partida medio punto por debaixo da puntuación acadada polo Brétema ata ese momento, durante esta última ronda o Bertamiráns conseguiu alcanzar o primeiro posto ao gañar 3-1 ao equipo de Barbanza.
Así, nesta categoría a clasificación está encabezada polo Bertamiráns, seguido polo Brétema no segundo lugar, o Padrón no terceiro, e o Negreira no cuarto posto. O quinto posto foi para o Manuela Rial de Cee, mentres que o sexto e o sétimo foron para os equipos de Boiro e A Baña, respectivamente.
Por outra banda, o equipo Brétema si acabou á cabeza da clasificación da categoría benxamín, seguido polo Manuela Rial no segundo posto, o Negreira no terceiro, o Portomouro no cuarto e o Boiro no quinto lugar. No tocante á infantil, o Brétoma proclamouse de novo gañador, mentres que o Padrón acadou o segundo posto e o Negreira o terceiro.
Esta fase intercomarcal disputouse co sistema de liga por equipos ou, se o número de equipos o aconsella, por eliminatorias a un só encontro. En calquera de ambos casos, consistirá nun enfrontamento a catro taboleiros por equipo.
Xadrecistas de Ames no Campionato Galego
O Hotel Scala de Padrón acolleu o Campionato Galego de xadrez entre o 13 e o 15 de abril. No encontro participaron xadrecistas de todas as idades, dende participantes do sub-08 ata da categoría absoluta. Entre eles cinco xogadores/as do concello de Ames, todos eles pertencentes ao Millarengo Cultura.
Así, na categoría sub-12 destaca a participación de Hugo Domínguez e Pedro Jesús Varela, que acadaron os postos 5 e 56 na clasificación final. No tocante á categoría sub- 10, o xadrecista Noel Casares acadou o 9 lugar, mentres que os seus compañeiros Roi Extévez e Iria Varela conseguiron a 32 e 33 posición na táboa de clasificación da categoría sub-08.