Condenado a nove meses de cárcere o home que provocou un incendio nos Blancos
O incendio afectou a unha superficie de 1,20 hectáreas, das cales unha era de árbores e 0,20 de monte raso.
A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a nove meses de cárcere e ao aboamento dunha multa de 1.620 euros a un home que en outubro de 2017 prendeu lume nunha leira propiedade da súa muller situada nos Blancos.
O tribunal relata na sentenza que o fixo “por causas non esclarecidas e con omisión das máis elementais normas de coidado, dadas as condicións climatolóxicas existentes e a falta dunha limpeza adecuada da leira para evitar a propagación”.
O incendio afectou a unha superficie de 1,20 hectáreas, das cales unha era de árbores e 0,20 de monte raso. O sospeitoso pagou os gastos de extinción do lume, polo que os xuíces tiveron en conta a atenuante de reparación do dano.
O tribunal, que o condenou por un delito de incendio forestal por imprudencia grave, indica na sentenza que as vivendas estaban situadas “a uns 350 metros” e que non se probou que existise “un grave perigo para a vida das persoas”.
A Audiencia explica que non se puido esclarecer se prendeu lume porque estaba a asar un chourizo, tal e como sostivo o condenado, pois “non se acharon evidencias físicas no lugar” ou porque se dispoñía a queimar maleza, tal e como apunta a segunda inspección ocular. Os maxistrados destacan que omitiu “as normas máis elementais de coidado” e que ese día o risco de incendio era “extremo”.