O CPEIG colabora co Centro de Supercomputación de Galicia no Día das Rapazas nas TIC que se celebra hoxe
O obxectivo é promover vocacións tecnolóxicas femininas
O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) na organización da sétima edición do “Día Internacional das Rapazas nas TIC”, ICT-Go-Girls!, que se conmemorará hoxe xoves, 25 de abril. Celebrarase unha mesa redonda e diversos talleres tecnolóxicos na sede do CESGA en Santiago (avenida de Vigo, s/n), destinados a escolares de toda Galicia, de 11:00 a 13:30 horas.
Catro mulleres galegas –Pilar Vila, Sonia Valladares, Mercedes García e Leticia Faria– que investigan, traballan e emprenden coas TIC, participarán nun coloquio virtual onde contarán a súa experiencia e responderán a todas as preguntas que se fagan desde os distintos centros escolares:
- Pilar Vila Avendaño. Enxeñeira informática, vogal da Xunta de Goberno do CPEIG, analista forense e perito xudicial informático. É CEO da empresa https://forensic-security.com/, e experta en ciberseguridade.
- Sonia Valladares Rodríguez. Enxeñeira en telecomunicacións pola UVIGO, investigadora en biotecnoloxía, especialmente na aplicación de Machine Learning, TICs e técnicas de ludificación na detección precoz do deterioro cognitivo.
- Mercedes García Rodríguez. Tradutora, desarrolladora de software, co- organizadora de GalsTech. R&D Manager en 1Millionbot, empresa de desenvolvemento de chatbots conversacionais (https://1millionbot.com/). É unha das tres Google Developer Experts de Galicia e a primeira muller en selo.
- Leticia Faria de Pazos. Licenciada en Administración e Dirección de empresas. Traballa no departamento de Desenvolvemento empresarial innovador en Tecalis (Ames). Brand Manager de “Signen KYC” (un kiosco dixital con firma dixital, con securización mediante Blockchain, etc.).
Ademais, celebraranse uns obradoiros e demostracións lúdicas de como as TIC chegan a diferentes ámbitos para alumnos e alumnas de 10 a 15 anos.
Organizaranse visitas didácticas ao superordenador Finis Terrae II, ferramenta de computación destinada a abordar proxectos de investigación, reducindo de modo considerable os tempos de execución das aplicacións actuais. Celebrarase un taller de robótica, onde os participantes poderán experimentar con varios robots de hardware aberto. Tamén se organizará un obradoiro de impresión 3D; un taller de iniciación á programación, e demostracións de realidade virtual e mixta, Makey- Makey, un kit de creación interactiva, etc.
Certame para estudantes de primaria, secundaria e bacharelato e centros e outras institucións educativas
No marco do Día Internacional das Rapazas nas TIC, a Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA e o CPEIG, no seu interese por promover as vocacións tecnolóxicas femininas, convocaron o primeiro concurso #ApuntasTech?. Tras o peche da convocatoria, hai inscritas 30 propostas de traballos sobre a tecnoloxía na aula. O fallo do xurado farase público mañá xoves, no transcurso do acto do Día das Rapazas nas TIC que se celebrará no CESGA, e que será retransmitido por streaming.
Unha das claves é promover o traballo coa tecnoloxía na aula de forma diversa, lúdica e tendo moi presente a perspectiva de xénero. Por iso, é fundamental que o profesorado conte con estratexias, propostas e ferramentas concretas que axuden a apaixonar sobre o potencial transformador, de beneficio directo á sociedade, e creativo das tecnoloxías na aula.
O concurso “ApuntasTech?” pretende, dun xeito lúdico e aberto, escoitar a todas as partes implicados para poder reunir as mellores propostas, e xerar un catálogo dinámico para poder traballar as tecnoloxías de forma amena, principalmente na aula, pero tamén fora dela, en actividades extraescolares, en familia, etc.
Posteriormente, elaborarase unha recompilación das mellores propostas e publicarase con licencia aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes repositorios de materiais educativos online.
O concurso conta con 4 categorías, 2 para estudantes (primaria, secundaria e bacharelato) e 2 para adultos (centros educativos e outros centros/institucións).
Cada categoría terá un premio principal e dous accésits. Toda a información sobre o mesmo pódese obter na súa páxina web: www.ictgogirls.eu/apuntastech .
O certame está organizado e patrocinado polo CESGA en colaboración coa Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, nodo Galicia (AMIT-Gal) e a Asociación PuntoGal (.GAL). Conta coapoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica (Xunta de Galicia), Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVIGO), Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Asociación MujeresTech, e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!, así como a tenda online Bricogeek.com.