Agustín Hernández activará desde o Concello “Santiago seguro"
Trátase dun conxunto de medidas que contribuirán á protección de persoas e bens, á tranquilidade cidadá e á convivencia
O candidato e presidente do Partido Popular de Santiago, Agustín Hernández, incluirá no seu programa, como unha das cláusulas prioritarias do contrato que ten previsto asinar cos veciños de Santiago, un conxunto de medidas para contribuír á garantir a protección das persoas e bens, a tranquilidade cidadá e a convivencia, agrupadas baixo a denominación “Santiago seguro”.
Hernández explicou, en rolda de prensa, que a principal medida irá encamiñada a incrementar o número de policías actuantes no territorio municipal, tanto da policía local como da policía nacional e autonómica, que viron reducidos os seus efectivos dunha forma moi notable nos últimos anos.
A proposta do Partido Popular pasa por cubrir as prazas vacantes da Policía municipal e demandar da Administración central a posibilidade de convocar novas prazas ata incrementar a cifra de efectivos actuais por riba dun 25% para achegarse aos 173 polícias que marca a normativa en función do número de habitantes.
Na mesma liña, solicitarase do Goberno do Estado e da Xunta de Galicia un incremento proporcional nos efectivos dos corpos e forzas de seguridade estatal e autonómico con presenza na cidade.
O Popular destacou que esta medida “activaríase con carácter prioritario no primeiro ano do mandato, coa finalidade de afrontar con garantías os retos que presenta unha cita de tanta transcendencia como o Ano Santo Xacobeo de 2021, coa gran afluencia de persoas e coas demandas de seguridade que un evento desa natureza implica”.
O incremento dos efectivos policiais permitiría tamén ampliar os servizos actuais, poñendo en funcionamento unidades de proximidade para atender as demandas de protección e vixilancia nas distintas zonas da cidade e do Concello. Por todo isto, tamén se solicitará ante o Ministerio do Interior o incremento da categoría para a Comisaría da Policía Nacional.
Sistema de videovixilancia
Outra medida, explicou Hernández, será o desenvolvemento dun sistema de videovixilancia para a protección do patrimonio público e a seguridade cidadá, ampliando o número de cámaras no espazo público atendendo ás zonas máis sensibles da zona histórica, principalmente na contorna da Catedral, e noutras zonas onde se rexistran habitualmente episodios incívicos, como acontece na rúa do Toural ou nos arredores da igrexa de Santa Susana na parte alta da Alameda.
Para a implantación deste sistema, que se fará no primeiro ano de mandato e contará coas cautelas necesarias para a salvagarda da intimidade, levarase a cabo unha acción coordinada entre o Concello, a Delegación do Goberno en Galicia, a Xunta e a igrexa compostelá co obxectivo de proporcionar un servizo complementario para as forzas e corpos de seguridade á hora de loitar contra os actos vandálicos nos monumentos públicos e unha maior garantía para a convivencia e a seguridade cidadá.
Modificación da ordenanza de convivencia
Durante a súa intervención, Agustín Hernández remarcou que unha última medida “irá dirixida a loitar de forma especial contra os rúidos nocturnos nas rúas e nos domicilios; o consumo de alcohol na vía pública; os incidentes; as accións incívicas e mesmo a sensación de inseguridade que se producen habitualmente en determinadas rúas da cidade histórica e do Ensanche”. Trátase, en especial, de evitar que se reproduza o fenómeno do “botellón” que se conseguiu erradicar no pasado mandato do Partido Popular.
Con ese fin, procurarase unha modificación da actual Ordenanza de convivencia, a fin de garantir mellor o seu cumprimento, contemplando unha habilitación máis expresa á Policía, tal como se recolle, por exemplo, na Ordenanza-tipo proposta pola Federación Española de Municipios e Provincias e nas correspondentes ordenanzas doutros municipios de España.
Tamén se propón que por parte da policía local –buscando a colaboración coa Policía Nacional-, se intensifique a vixilancia e control naquelas zonas se onde acostuman a producir este tipo de incidentes, procedendo tamén o reforzo do servizo de limpeza, para tratar de facer compatibles os dereitos de ocio e de descanso da veciñanza.