Noriega reuniuse co persoal do aeroporto para escoitar as súas demandas con AENA
O persoal do aeroporto pediralle a AENA que introduza nos novos pregos unha cláusula que garanta un servizo para a totalidade dos traballadores e traballadoras cos prezos previstos no prego da cantina
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro Rafael Peña, reuníronse onte cunha representación do persoal do aeroporto da Lavacolla que, durante as últimas semanas, veñen amosando a súa preocupación polo servizo de cantina do aeroporto, que sairá a licitación de maneira independente das tres cafeterías de uso público.
O persoal do aeroporto ve con preocupación ditas licitacións xa que, polo acontecido noutros aeroportos do Estado como Tenerife Sur ou Sevilla, entenden que existe un risco real de que a licitación da cantina, por ser menos atractiva para as licitadoras, quede deserta.
O Comité Intercentros do aeroporto trasladoulle hoxe ao alcalde e ao edil Rafael Peña que isto tería graves prexuízos e agravios para os traballadores e traballadoras do aeroporto, sobre todo para aqueles máis precarizados, ao ter que aboar o prezo para o público xeral, que suporía a perda de poder adquisitivo. Tamén amosaron a súa preocupación pola perda de catro postos de traballo correspondentes ás persoas que prestan o servizo na actualidade.
O persoal do aeroporto pediralle a AENA que introduza nos novos pregos unha cláusula que garanta un servizo para a totalidade dos traballadores e traballadoras cos prezos previstos no prego da cantina, para aquela situación na que a licitación quede deserta.