Libros e arquitectura na Fundación Eugenio Granell
As xornadas celebraranse en dúas sesións, mañá martes e o mércores, 8 de maio, ás 19:00 horas na biblioteca da Fundación Eugenio Granell no Pazo de Bendaña de Santiago
A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia e a Fundación Eugenio Granell inaugurarán hoxe martes, día 23, as xornadas “Páxina Par: II Encontro. Arquitectura e literatura”, nas que un grupo de catro arquitectos e catro artistas plásticos contrastará a súa concepción do espazo doméstico e privado a través da análise de fragmentos de diversos textos literarios.
As xornadas celebraranse en dúas sesións, mañá martes e o mércores, 8 de maio, ás 19:00 horas na biblioteca da Fundación Eugenio Granell no Pazo de Bendaña de Santiago (Praza do Toural, 8). Con esta actividade cultural, a delegación pretende dar a coñecer unha faceta distinta do arquitecto, afastada do seu exercicio profesional habitual.
Os arquitectos e os artistas participantes farán a súa reflexión dun fragmento literario relacionado co espazo doméstico, o lugar íntimo onde transcorre a vida cotiá e se establecen as relacións familiares e sociais. “O espazo doméstico aparece en todas as expresións artísticas, na pintura, escultura ou no cine, e como non na arquitectura. Por exemplo, reflíctese en culturas mediterráneas como a española, italiana ou grega onde sempre xorde a cociña como foco central do fogar. Son constantes as representacións en pinturas de bodegóns, retratos, debuxos de cociñas e dormitorios...” –explica a tesoureira da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, Carmen Rey–.
Os participantes da primeira sesión de mañá serán os arquitectos Elena López Fernández e Carlos Fernández García e as artistas plásticas Montse Rego e Mónica Mura. Na xornada do mércores 8 de maio participarán os arquitectos Manuel Carbajo Capeáns e Idoia Camiruaga Oses e os artistas plásticos María Meijide e Jorge Varela.
Manuel Carbajo sinala que esta actividade é un modo transversal de achegar diversas disciplinas, como é o caso da arquitectura e as artes plásticas, a través da literatura. Explica que, por exemplo, usarán un fragmento da novela de “Don Quijote de la Mancha” para analizar a relación do ser humano e a arquitectura que habita e os seus espazos de descanso nesta arquitectura residencial.