Ana Cabaleiro presenta a súa última novela en El Corte Inglés
A cita será na librería, planta baixa, de El Corte Inglés Santiago
Hoxe martes, 23 de abril, ás 19:00 horas, Ana Cabaleiro asinará exemplares do libro, As Ramonas, Premio García Barros 2018. A cita será na librería, planta baixa, de El Corte Inglés Santiago.
AS RAMONAS
Mona Otero é unha muller loitadora e soñadora que persegue con ansia, e mesmo con desesperación, a súa meta de triunfar no mundo da arte. A protagonista, sancionada coa perda do carné de conducir, non pode dispoñer de coche propio, polo que depende doutras persoas para desprazarse.
Toda a historia que se narra en As ramonas emana do interior de sucesivos vehículos desde os que a protagonista nos vai amosando un rosario de factores que delimitan a súa existencia: a competitividade, a autoestima, os odios, a pobreza, a familia, o abandono, as aparencias, a falsidade do éxito, a dignidade.
Mais Mona Otero é só un fío do nobelo no que se vai xuntando con outras ramonas —unhas veces complementarias, outras opostas— e a partir do cal van formando un complexo mundo de mulleres. A novela de Ana Cabaleiro é, ademais, o retrato dunha sociedade rural en mutación, cun pé asentado na tradición e nos lazos familiares e co outro alancando cara á globalización.
Ana Cabaleiro (Saídres, Silleda, 1974) é licenciada en Xornalismo, profesión que exerce intermitentemente desde hai dúas décadas. Cursou, ade-mais, o Máster en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura da USC, no que investigou e publicou sobre contracultura e ciberactivismo artístico. Tamén ten traballado no eido da discapacidade intelectual e no da cooperación ao desenvolvemento.
Como autora, formouse en obradoiros e cursos de escrita, sempre na procura de voces femininas coas que abeirar as mareas da vida. Froito desta experiencias nace a compilación de relatos Sapos e Sereas, a súa primeira obra publicada. Como muller con raíces no rural, aínda conserva unha lagoa con máis dun millón de sapos e dúas ducias de ras cantoras.