Rescatadas dúas persoas ao ser arrastradas pola forza da auga cando manexaban unha piragua en Oleiros
Sucedeu pouco antes das 17:00 horas presto da praia das Margaridas
A salvo os ocupantes dunha piragua que foi arrastrada pola forza da auga preto da praia das Margaridas, no concello coruñés de Oleiros.
Pouco antes das 17:00 horas da tarde de hoxe, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa particular que alertaba que o seu fillo saíra de paseo coa moza nunha piragua e que non era capaz de ver a ningún dos ocupantes na embarcación.
Decontado, o persoal do Centro integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasou o aviso a Salvamento Marítimo, que enviou ao lugar ao helicóptero Pesca I. Tamén, ata a zona se desprazou unha embarcación de intervención rápida, a Salvamar. Ademais, o CIAE solicitou a colaboración do Servizo de Gardacostas de Galicia, dos servizos sanitarios, da Garda Civil, da Policía Local e dos membros de Protección Civil da localidade.
Afortunadamente, o mozo puido chegar a terra polos seus propios medios e confirmou que, ao vérense arrastrados pola corrente, abandonaron a piragua para intentar chegar ata a praia a nado. Pola contra, a moza foi rescatada pola embarcación de Salvamento Marítimo e trasladada ao Peirao de Oza.