Un total de catro Confrarías sairán ás rúas de Compostela neste Venres Santo
Serán a procesión do Encontro, a procesión da Quinta Angustia, a procesión do Santo Enterro e a procesión da Soidade
Pola mañá, será a Confraría do Noso Pai Xesús Nazareno e a Santísima Virxe das Dores a encargada de realizar o Santo Encontro. Ás 10.30 horas sairán da súa sede, a Igrexa de San Miguel dos Agros, cunha procesión que baixará dividida por dous percorridos diferentes ata a praza da Quintana. Xa ás 11.15 horas, terá lugar dende o balcón do Instituto Europeo Campus Stellae o Sermón do Encontro, durante o cal se representará coas catro imaxes propiedade da Confraría: A Virxe das Dores, o paso de Xesús Nazareno, a Verónica e San Xoán. Unha vez rematado, retomarase a procesión, que levará a cabo o percorrido de volta cara San Miguel dos Agros.
O Percorrido será o seguinte:
Praza da Quintana - Conga - Praza das Praterías - Rúa do Vilar - Praza do Toural - Rúa Nova - Conga - Preguntoiro - Praza de Cervantes - Algalia de Arriba - San Roque - Hospitaliño - Porta da Peña - Praza de San Martiño Pinario- Igrexa de San Miguel dos Agros.
Xa pola tarde, ás 18 horas, a Confraría que este ano abandeira o cartel da Semana Santa Compostelá, a da Quinta Angustia, sairá en procesión dende o seu barrio. Fundada no ano 1464, un ano despóis da súa creación, constrúese a Capela da Nosa Señora da Quinta Angustia, sobre un cemiterio no que se daba sepultura a “corpos finados que non han sepulturas salvo a terra”.
Tal como se indicaba, históricamente os confrades salían en procesión o Luns de Pascua, pero no ano 1967 deciden cambiar a saída procesional ao Venres Santo, dando coherencia a dita saída coa Liturxia e saíndo por primeira vez en procesión o Venres Santo de 1968 de San Bieito ata a capela da Angustia.
A imaxe titular da Confraría é obra do imaxineiro compostelano Jesús Picón Ameneiro, quen realizou dita obra por encargo dun matrimonio de confrades en 1921. Dita imaxe está feita en madeira recuberta de escaiola e policromada. Foi restaurada entre 2006 e 2007 por outro imaxineiro compostelano, Leopoldo Rodríguez.
O Percorrido será o seguinte:
Campo da Angustia - Rúa do Rosario - Rúa de Bonaval - Porta do Camiño - Casas Reais - Praza de Cervantes -Acibechería - Tras San Paio de Antealtares - Conga - Preguntoiro - Praza de Cervantes - Casas Reais - Porta do Camiño - San Pedro Rúa da Angustia - Campo da Angustia
Á Angustia, seguirá a procesión do Santo Enterro, que sairá de San Domingos de Bonaval ás 20 horas. Foi fundada na segunda metade do século XV, foi constituída con carácter numerario, así se conservou o longo dos séculos, seguindo as normas do frade Alian de la Roche, que personificaba en cada confrade unha das contas do rosario.
A Irmandade ostenta os títulos de Real e Ilustre, outorgados polos monarcas españois, que, dende os Reis Católicos, son os seus Irmáns Maiores. No ano 1581 sae procesionalmente, a imaxe do Cristo Xacente, representando o enterro do Señor. Pasado o tempo, percorrería as rúas compostelás, na riquísima urna barroca, trazada por Manuel de Leis (1740) e executada por Tomás Fontenla, case mediado o século XVIII.
O Venres Santo de 1960 sae procesionalmente, por primeira vez, a imaxe de “La Virgen de los Cuchillos”, obra maxistral de Castor Lata. Durante o día de hoxe, a Capela estará aberta dende as 16 horas. A procesión irá acompañada da Banda Municipal de Música e pola Coral Polifónica de Ponteareas.
O Percorrido será o seguinte:
Igrexa de San Domingos de Bonaval, Costa de San Domingos de Bonaval, Porta do Camiño, Casas Reais, Praza de Cervantes, Rúa Preguntoiro, Rúa Castro, Praza Universidade, Praza Mazarelos, Rúa Cardeal Paiá, Rúa Orfas, Cantón Toural , Rúa Nova, Conga, Praza da Quintana, Praza Praterías (Estación de Penitencia), Praza Praterías, Rúa Xelmírez, Conga, Preguntoiro, Praza de Cervantes, Casas Reais, Porta do Camiño, Costa de San Domingos de Bonaval, Igrexa de San Domingos de Bonaval.
Xa por último, será o turno da Ilustre Confraría da Soidade, con sede na Igrexa de Santa María Salomé. Fundada no ano 1664, en 1700 construíuse a súa capela (actualmente inserta na igrexa parroquial), con trazas do arquitecto Domingo de Andrade, grazas ás achegas económicas dos confrades entre os que se atopaban varios cóengos e membros da aristocracia Compostelá (conde de Ramiranes, marqués de Bendaña ou de Sta. Cruz de Rivadulla) que tiñan as súas residencias no termo parroquial de Salomé.
Nas súas orixes a imaxe da Nosa Señora procesionaba o Domingo de Lázaro e non foi ata a década de 1920 cando comezou a procesionar o Venres Santo. No seu afán por construír unha secuencia narrativa na sucesión das procesións compostelás, a procesión da Soidade saía do templo de Santo Domingo de Bonaval unha vez que se recollía o Santo Enterro.
Dende as 8.30 horas, estará exposto o Santísimo na propia igrexa, xa pola tarde, ás 17 horas, terá lugar a celebración litúrxica da Paixón.
O Percorrido será o seguinte:
Rúa Nova, Praza do Toural, Rúa do Vilar, Praza das Praterías, Rúa da Conga, Rúa do Preguntoiro, Rúa da Caldeirería, Rúas das Orfas e Rúa Nova.