Dezaseis restaurantes de Compostela prepararán pratos de cabra ao abeiro da Festa do Banquete
A listaxe de restaurantes participantes son a Pulpería Fuentes, Paz Nogueira, Los Caracoles, O Muiñeiro, A Nave de Vidán, Don Quijote, Pazo de Altamira, Sexto II, María Castaña, Mesón de Lázaro, San Jaime, Pampín, Caney, Amoado, A Ostrería e Frebas
A nave 5 da praza de Abastos acolleu o mércores a primeira xornada gastronómica de degustación de cabra das tres que se van celebrar na nosa cidade ao abeiro da Festa do Banquete. A iniciativa, posta en marcha polo Concello e a Asociación Hostalería Compostela, foi presentada o mércores polo alcalde, Martiño Noriega; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e a presidenta da Asociación, Sara Santos.
A listaxe de restaurantes participantes son a Pulpería Fuentes, Paz Nogueira, Los Caracoles, O Muiñeiro, A Nave de Vidán, Don Quijote, Pazo de Altamira, Sexto II, María Castaña, Mesón de Lázaro, San Jaime, Pampín, Caney, Amoado, A Ostrería e Frebas. Estes restaurantes, que se atopan por todo Santiago, prepararán pratos especiais con cabra ata a data da celebración da Festa do Banquete, que será os días 3, 4 e 5 de maio. O obxectivo desta acción, que se leva a cabo por segundo ano, é poñer en valor este produto, que se degustou aquel 2 de marzo de 1856 e forma parte da gastronomía dos barrios do sur de Compostela.
A iniciativa complétase con varias xornadas gastronómicas de degustación de cabra, tras a celebrada hoxe na Nave 5 da praza de Abastos. A seguinte será na Bodeguilla de Santa Marta o venres 26 de abril pola tarde, e a última terá lugar o venres 3 de maio ao mediodía no mercado La Galiciana.
O Concello a Asociación Hostalería Compostela están traballando conxuntamente nos últimos anos para consolidar o posicionamento de Santiago como destino gastronómico aproveitando os múltiples recursos da cidade. O exemplo máis importante desta colaboración é Santiago(é)tapas, que ambas entidades organizan conxuntamente dende hai catro edicións. Tamén se colabora na promoción doutros eventos que serven para poñer en valor produtos tradicionais da cidade, como a recente Festa Gastronómica das Uñas de San Lázaro, nunha acción na que tamén participaron restaurantes de toda a cidade.
Ademais a Asociación Hostalería Compostela organiza un xantar popular o domingo 5 na carballeira de Conxo. Neste xantar repartiranse degustacións de diferentes elaboracións de cabra (ata fin de existencias) como produto tradicional non só de Conxo, senón tamén de diferentes barrios de Santiago.