miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

George Greenia, galardoado co XXIII Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia

George Greenia, galardoado co XXIII Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia
George Greenia, galardoado co XXIII Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia

A cerimonia de entrega do galardón terá lugar o 4 de xuño no marco da XXV Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades

O xurado do XXIII Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia, reunido a pasada semana en Santiago de Compostela, decidiu recoñecer o académico e investigador George Greenia pola súa “fecunda traxectoria universitaria, vinculación con Galicia e contribución á difusión internacional do fenómeno xacobeo”.

Ao comunicarlle a decisión, o premiado declarou que aceptaba este “xeneroso recoñecemento dos esforzos” realizados a través do Instituto de Estudos das Peregrinacións da William & Mary, unha institución con sede na cidade estadounidense de Williamsburg e centrada na “investigación científica das viaxes de transformación persoal en todo territorio, tempo e tradición”.

A cerimonia de entrega do galardón terá lugar o 4 de xuño no marco da XXV Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades, que este ano acollerá a Universidade de Guadalaxara (México), e nela entregaráselle unha cuncha de ouro, emblema do Grupo Compostela de Universidades, e un premio en metálico de 6.000 euros brutos.

Perfil do galardoado

George Greenia é fundador do Instituto de Estudos das Peregrinacións e presidente de Alpha Delta Gamma Sociedade Nacional Honoraria de Estudos Medievais e do Renacemento, ambas establecidas na institución de educación superior William & Mary.

Autor de diversos libros de texto de aprendizaxe do español e numerosos artigos sobre o Medievalismo hispánico, na actualidade é editor no boletín e revista medieval La Crónica sobre lengua y literatura españolas de la División de Español Medieval de la Asociación de Lenguas Modernas e forma parte do consello asesor de Cadernos de Estudos Galegos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC), así como do comité científico da revista de estudos xacobeos e da peregrinación Ad Limina da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Entre as máis de vinte distincións e premios que ostenta cabe destacar a Encomenda da Orde de Isabel la Católica que outorga S.M El Rey de España e o premio Ángel del Camino concedido pola confraternidade Enxebre Orde da Vieira de expatriados galegos que apoian o Camiño de Santiago.

George Greenia é profesor emérito de Linguas Modernas, doutor en Linguas Romances pola Universidade de Michigan (1984) e director emérito do Programa de Estudios Medievais e Renacentistas de William & Mary.

Composición do xurado 2019

A reunión do xurado do XXIII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia estivo presidida pola conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Carmen Pomar Tojo. Do xurado forman parte tamén o reitor da USC, Antonio López; o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; o secretario xeral técnico de Educación da Xunta de Galicia, Jesús Oitavén; o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kręglewski; o reitor da Universidade de Sevilla, Miguel Ángel Castro, e o vicerreitor de Educación Superior da Universidade de Monterrey, Carlos Basurto.

A secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades, María Teresa Carballeira Rivera, actuou como secretaria do xurado.

Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia

Dende a súa creación en 1997, o Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia galardoou a persoas e institucións senlleiras procedentes de diferentes eidos, como Jacques Santer (1997), Vaclav Havel (1998), Mohamed AlBaradei (2010), o Colexio de Europa (2012) ou Marcelino Oreja Aguirre (2017).

O Grupo Compostela de Universidades

O Grupo Compostela de Universidades (GCU) é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, que traballa en favor da colaboración e promove o diálogo en todos os ámbitos da educación superior. O GCU comezou a súa andaina no ano 1994 e desde a súa creación foi crecendo ata unir ao seu camiño a máis de 60 universidades de todo o mundo. Todos os peregrinos do Grupo Compostela de Universidades comparten os valores de cooperación e integración desenvolvidos en torno ao Camiño a Santiago.

Comentarios
Lo más