Bugallo explica o seu programa de medidas para facilitar o acceso ao mercado de aluguer
Na quenda de preguntas, o candidato á alcaldía de Santiago negou que haxa unha confrontación co actual rexedor e sinalou que “criticamos unha acción de goberno que sumiu a Compostela na paralización, pero cunha crítica perfectamente sustentada, documentada e con alternativas”
A candidatura de Xosé A. Sánchez Bugallo, leva varias medidas no seu programa electoral destinadas a facilitar o acceso da cidadanía de Compostela ao mercado de aluguer. Enumerounas o candidato á alcaldía, en rolda de prensa, e están vinculadas a programas de rehabilitación que se estenderán a todo o municipio; á construción de nova vivenda protexida, tamén en réxime de aluguer; e á regulación e control dos “pisos turísticos”. Para Sánchez Bugallo, se o aluguer é a principal demanda “insatisfeita” das políticas de vivenda en Santiago “debémoslle dar prioridade”.
O candidato á alcaldía de Santiago comezou a exposición contextualizando como está neste momento o mercado da vivenda de aluguer en Compostela. Citou, en concreto, a escasa participación na convocatoria pública do concello para un fondo de vivendas de aluguer. E o que lle transmitiron distintos axentes inmobiliarios nunha reunión que mantivo con eles, de que “a reserva de aluguer en Santiago non superaba as 30 vivendas”, e que por exemplo, os estudantes de Erasmus “os están mandando a Padrón, Bertamiráns ou Milladoiro”, porque “en Compostela non atopaban pisos para eles”.
Sobre a información do IGE (Instituto Galego de Estatística), de que en Santiago hai 9.500 valeiras, Sánchez Bugallo aclarou que “desde o meu punto de vista, esta cifra non é correcta nin exacta”. Explicábao: “o dato de vivendas valeiras sácano de vivendas onde non hai ninguén rexistrado, e pode haber estudantes ou outras persoas vivindo aí; de vivendas que “simplemente non están en condición de habitabilidade”; do número de pisos turísticos, e de “vivendas de fin de semana, vivendas de refuxio, ou conflitos hereditarios, con múltiples herdeiros que non se poñen de acordo sobre o uso da propiedade. Para Bugallo,”un estudo máis minucioso, levaríanos a unha cifra moi diferente”, pero “aínda así subsiste o problema”.
Bugallo pregunta como é posible que en Santiago non exista oferta de vivenda en réxime de aluguer. E propón tres tipos de medidas incorporadas ao programa electoral da súa candidatura:
- Medidas vinculadas a racionalizar e mobilizar o mercado da vivenda, como a creación dunha ordenanza reguladora dos pisos turísticos, e un rexistro dos mesmos. Di Bugallo que “actualmente, dos 1.400 pisos que se recoñece que hai en Santiago, aínda que non sabemos se é a cifra total que pode ser superior; só 200 están legalizados. Hai 1.200 que non están legalizados nin rexistrados”. Por iso, continúa Bugallo, desde o punto de vista municipal o concello debe elaborar unha ordenanza reguladora e un rexistro”. Para o candidato, “nunha cidade turística como Santiago, non cabe dicir que non queremos pisos turísticos”. Pero, aclara, ten que ser unha oferta transparente, “dende o punto de vista fiscal, e que cumpra a lei, tanto autonómica, como o Plan Especial, o Plan Xeral e a normativa municipal “que debe velar tamén pola convivencia adecuada entre os pisos turísticos e as comunidades de veciños” A preguntas dos xornalistas, Sánchez Bugallo cualificou de “hipócritas” as políticas do concello ao respecto. Argumenta que “hai un mes había 1.200 pisos turísticos en situación de ilegalidade, e nin un só expediente aberto. “O outro día creo que dixo o señor concelleiro que había dous expedientes. Dous de 1.200 é unha hiperactividade estresante”. E continúa en referencia ao actual goberno de Compostela Aberta “é unha hipocrisía dicir: prohíbense. Mire, regule e aplique a normativa. Porque se non aplicamos as medidas, o outro é falar para a galería”. Neste momento, concluíu Bugallo en referencia a este tema, “na teoría, e cos expedientes abertos, é unha prohibición inexistente”.
- Medidas incluídas dentro dos programas de rehabilitación. Para Sánchez Bugallo, é clave estender a rehabilitación a todo o termo municipal: Cidade Histórica, barrios con vivendas protexidas, o Ensanche, todos os barrios, e a zona rural. Segundo o candidato, “a rehabilitación é unha necesidade”. Argumenta que moitas vivendas de Santiago non teñen ascensores, o que representa un problema para as persoas envellecidas; que hai edificios que incumpren a normativa en materia de eficiencia enerxética; e que hai outras vivendas, que co uso se deterioran e despois de 40 ou 50 anos, non están en condicións óptimas para ser habitadas. Tamén sinalou que é necesario incorporar, dentro das políticas e axudas que acompañan á rehabilitación, obrigas por parte dos beneficiarios. Citou, como exemplo, obrigas vinculadas a que sexa unha vivenda ocupada, destinada á familia, ou en réxime de aluguer; pero que non se poida utilizar para determinados usos, como o uso turístico.
- Medidas sobre nova vivenda, sobre todo vivenda protexida e vivenda en réxime de aluguer. O candidato á alcaldía lembrou ás máis de duascentas vivendas de protección oficial en réxime de aluguer construídas en Fontiñas, Belvís ou Volta do Castro cando gobernaban os socialistas. Contrapúxoo ao que sucede na actualidade. “Hoxe en Santiago queda chan urbanizado, dispoñible para edificar vivendas de protección que daría para aproximadamente 800 ou 900 vivendas. Está localizado, explicou, no denominado SUNP-5 en San Lázaro, o SUNP-11, por detrás da igrexa do Castiñeiriño; no SUNP-14 (detrás do restaurante Paz Nogueira), e o SUNP-22, en Volta do Castro”. Destas parcelas, “algo máis da metade son de propiedade municipal. Darían para edificar 500 vivendas”. “Xa eran, aclarou, propiedade do concello en 2011, e en ningunha delas se edificou”. E asumiu o compromiso de edificar esas parcelas “dándolle prioridade, non só a protección, porque xa é obrigatorio, senón tamén ao mercado en réxime de aluguer. E reclamar, engadiu, “que operadores privados titulares desa outra parte de chan privado, procedan a súa edificación”. Con isto, di Bugallo “estariamos falando dun paquete de 800 ou 900 vivendas”. Tamén se referiu a outra operación “que quedou parada en 2011: o desenvolvemento do Polígono A Pulleira, en Meixonfrío. Está previsto, recordou, a construción de 2.200 vivendas protexidas, das que 1.800 son de protección”. O candidato explicou que “está o Plan Parcial aprobado, e na miña época estaba o proxecto de urbanización redactado e supoño que no mesmo punto en que quedou, estará todo. Penso que non se debeu mover papel algún nestes 8 anos”. Este é o único polígono que se pode desenvolver nos vindeiros catro anos, porque segundo Bugallo, é o único que ten aprobado o Plan Parcial. No resto, é necesario empezar por redactar ese Plan Parcial e o proxecto de urbanización. Neste contexto, o candidato á alcaldía de Santiago, comprometeuse a mobilizar as parcelas e solares de propiedade municipal para comezar a edificar.
Precampaña
Preguntado sobre o ton da precampaña e as discrepancias co alcalde, Sánchez Bugallo aclarou que “eu non teño confrontación algunha con Sr. Noriega. Eu o que teño é unha crítica a un goberno que ten sumido a Santiago na paralización. Un goberno que ten amosada unha incapacidade manifesta para dirixir esta cidade”. E pregúntase “A quen vou criticar eu? A oposición? Terei que criticar a acción de goberno. Eu vexo que esta é unha cidade que antes era limpa e agora é sucia. E vexo que ademais se está mentindo. Teño constancia de respostas a veciños dicíndolle que os contedores non se lavan e están deteriorados porque é froito dunha concesión moi antiga e de longa duración, e que Compostela Aberta quere facela a máis curto prazo”. Esa concesión, aclara, “leva 4 anos caducada e CA acaba de facer a quinta prórroga”. E continúa “esta cidade era unha cidade onde había autobuses novos, e hoxe caen a pedazos, porque tamén hai un servizo, no que a concesión venceu hai tres anos, e non houbo unha nova”. “E vexo que a nosa cidade perdeu a posición de privilexio da que gozaba con anterioridade”. E engade, “Cando falamos de política de vivenda, a quen vou criticar? Eu teño que falar do goberno que está agora”.
Bugallo finalizou sinalando que “creo que a crítica que facemos é unha crítica realista e sustentada nos feitos, non é unha crítica inxusta. E facémoslla a quen lla temos que facer: a quen está gobernando”. Ao candidato á alcaldía non lle parece crible que “sustentando unha alternativa diferente, demos por bo o que está pasando en Santiago, e o que pasou nestes 4 anos”, que definiu como “de paralización municipal”. “Non hai ningunha cuestión persoal nestas críticas. Nós criticamos o que se está facendo cos pisos turísticos, ou en materia de rehabilitación, ou en política de vivenda, e dicimos o que fariamos nós”. Non é, rematou “unha crítica valeira de contido. Está perfectamente sustentada, con alternativas, e documentada”.