A xustiza sobresee a causa polas obras para instalar unha tarima en San Román de Pasarelos
E considera axustada á lei a actuación do grupo de goberno de Oroso. O xuíz e o fiscal acreditan que en ningún caso houbo actuacións irregulares ou malversación
O xulgado de instrución número 2 de Ordes decretou o sobreseemento da causa aberta por unhas obras para instalar unha tarima na igrexa de San Román de Pasarelos. O investimento nos traballos foi de 1.010 euros + IVA.
“Non tiñamos nada que agochar e por iso tanto o xuíz como o fiscal din que non hai nada; os traballos consistiron na instalación dunha tarima na igrexa de San Román, pero a empresa que realizou a obra cometeu un erro na redacción da factura e en vez de igrexa de San Román puxo local social de San Román. Iso foi todo”, explica o alcalde de Oroso, ao igual que o fixo no pleno do pasado mes de xaneiro.
Efectivamente, tanto o xuíz como o ministerio fiscal acreditaron, unha vez escoitadas as explicacións do grupo de goberno de Oroso, que non había ningún tipo de actuación delicitiva nesta causa, nin moito menos malversación de fondos públicos.
“É lamentable xudicializar a vida política desta maneira, pedindo explicacións nun xulgado co único obxectivo de danar a miña imaxe e a do grupo de goberno, o único que queren o señor Doval e o PP é gañar votos con mentiras e difamacións, con denuncias sen ningún tipo de fundamento”, critica Mirás.
“Foi unha obra demandada polos veciños e feita nun ben patrimonial de interese xeral, como é a igrexa de San Román de Pasarelos; falamos dun tema menor, a obra consistiu na instalación dunha tarima de 12 metros cuadrados”, engade.
“O único motivo polo que a Xunta de Goberno acudiu ao xulgado a declarar sobre este tema foi o erro na redacción da factura, tal e como recoñeceu a empresa, e todos os feitos quedaron aclarados no xulgado”, remata o alcalde, lamentando “a máquina de facer inimigos que é o señor Doval, ferindo e facendo dano á convivencia coas súas acusacións sen fundamento”.