Máis de corenta comercios galegos súmanse á campaña de AGADEA ‘O Piar dos Recordos’
Pequenos establecementos do Ensanche compostelán, Ribeira, A Estrada e Vedra colaboran coa Asociación de Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer de Santiago colocando nos seus negocios mobiles realizados polos usuarios e a vez distribuíndo folletos informativos
Agadea Azlhéimer vén de poñer en marcha a campaña de sensibilización ‘O Piar dos Recordos´ entre os pequenos comercios de Santiago, Ribeira, Vedra e A Estrada coa finalidade de amosar o traballo dos usuarios á poboación e promover a súa participación activa na comunidade.
Durante varias semanas as persoas usuarias dos Servizos de Estimulación Terapéutica destas zonas e os Centros de Día de Ribeira e A Estrada realizaron decoracións con motivos primaverais, dentro dos seus talleres de Laborterapia. Agora son eles mesmos, acompañados polas súas terapeutas, os encargados de repartir estes móbiles entre os comercios locais que servirán de expositores dos traballos e divulgadores de información sobre as demencias.
Un total de 41 comercios locais sumáronse á iniciativa e desde hoxe mesmo están recibindo estas manualidades. Todos os cidadáns que se acheguen a estes establecementos poderá ver os traballos e recoller folletos informativos sobre Agadea e as demencias. Tamén se quixo sumar o concello de Vedra, sendo o seu alcalde, Carlos Martínez, o primeiro en colocar o móbil nas súas dependencias.