CCOO esixe que o Hospital do Barbanza conte sempre con servizo de farmacia
Os doentes traen medicación da casa e o hospital non conta con farmacia operativa durante as tardes, noites e fins de semana
A Federación de Sanidade de CCOO esixe que o Hospital do Barbanza conte sempre con servizo de farmacia. Actualmente non está operativa durante as tardes, noites e fins de semana, e os doentes continúan traendo da casa a súa medicación, como se facía antigamente. Malia se tratar a situación en numerosas ocasións, nin o Sergas nin a dirección do Hospital deron unha solución a esta problemática.
O servizo de Farmacia non funciona durante a tarde, noite ou as fins de semana. Isto provoca que o persoal de enfermaría, con coñecemento da dirección do hospital e asumindo funcións que non son da súa competencia, abandone o seu servizo e colla a medicación, após pedirlle ao garda de seguridade que abra a farmacia. Nalgunha ocasión, o persoal de enfermaría chegou a dispensar fármacos á residencia da terceira idade por non haber persoal técnico de farmacia presente que o puidese facer.
Desde CCOO reclamouse un técnico de farmacia presencial durante as tardes, noites e fins de semana para dispensar a medicación que precisen os doentes. Durante un mes e medio contratouse un técnico a media xornada durante a tarde, pero rescindíuselle o contrato por unha decisión arbitraria e non xustificada, sen que se propuxese unha solución.
A farmacia está na carteira de servizos
Desde Comisións lembran que, cando o Hospital era unha fundación pública, era costume que moitos doentes trouxesen a súa medicación da casa e a entregasen nos controis de enfermaría, recolléndoa despois de recibiren a alta.
Após pasaren ao Sergas os hospitais comarcais, CCOO denunciou a situación por entender que a carteira de servizos da sanidade pública prevé a prestación farmacéutica para calquera doente hospitalizado. Polo tanto, todo medicamento ou produto farmacéutico incluído na prestación farmacéutica do sistema de saúde debe ser fornecido desde o servizo de farmacia do hospital.
Malia tratalo en múltiples ocasións na comisión de centro e coa propia dirección do Hospital, as persoas usuarias, ademais de traer a comida da casa, tamén traen a medicación —antihipertensivos, hipolipemiantes, analxésicos e outros.