miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Finaliza a rodaxe de "O Santa Isabel"

Finaliza a rodaxe de "O Santa Isabel"
Finaliza a rodaxe de "O Santa Isabel"

“O Santa Isabel” chegará aos cines españois a comezos do 2020 da man de Filmax

A semana pasada finalizou en Portugal a rodaxe de “O Santa Isabel”. A ópera prima de Paula Cons é un thriller sobre a fuxida da dor e sobre as sombras e, practicamente ningunha luz, do heroísmo. Estrearase nas pantallas a comezos do vindeiro ano da man de Filmax.

Diferentes localizacións de Galicia e Portugal acolleron durante seis intensas semanas a rodaxe da película, inspirada na historia de tres mulleres que se converteron en heroínas pola súa fazaña tralo naufraxio, en 1921, do trasatlántico Santa Isabel fronte á illa de Sálvora, pero ás que a sociedade logo esquecería.

Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna protagonizan este thriller, xunto a Victoria Teijeiro, Ana Oca e María Costas. Milo Taboada, Celso Bugallo, Machi Salgado, Miguel Borines, Tatán, Roberto Leal, Ana Santos, Mela Casal, Javier Tolosa e Leyre Berrocal, entre outros, completan o reparto.

“O Santa Isabel” é a primeira longametraxe de ficción de Paula Cons. A directora e guionista desta película, na que contou coa colaboración de Luis Marías no guión, tamén traballou como guionista e produtora executiva da longametraxe “Lobos sucios”, e como directora e guionista dos documentais “A batalla descoñecida” e “O caso Diana Quer. 500 días”.

Conta ademais cun equipo de profesionais de primeira liña como o director de fotografía Aitor Mantxola (“El fotógrafo de Mauthausen”), o director de arte Antonio Pereira (“Fariña”), a responsable de maquillaxe e perruquería Raquel Fidalgo, ou a encargada de deseño de vestiario Eva Camino (“Fariña”).

En palabras da súa directora: “pretendemos achegarnos a un feito histórico, recuperar o recordo de tres mulleres fascinantes e facer unha reflexión sobre a fuxida da dor (da protagonista e da sociedade) a través dunha historia misteriosa e cun gran poder visual”.

O filme está coproducido pola galega Agallas Films, a vasca Historias del Tío Luis, e a arxentina Aleph Cine. Conta coa participación de TVG, RTVE e ETB, e co apoio da AGADIC, do Goberno Vasco, do ICAA, do INCAA arxentino e do Programa Ibermedia.

“O Santa Isabel” chegará aos cines españois a comezos do 2020 da man de Filmax.

Comentarios
Lo más