O Estrela Vermelha non puido conseguir a vitoria contra as Herdeiras de Dhais
O partido comezou dominado por Estrela, que anotou 4 tantos nos primeiros minutos con moita facilidade ante unhas Herdeiras que semellaban desorientadas e nerviosas pero a superioridade das Herdeiras fixeron posible un rebase no marcador
As Herdeiras de Dhais proclamáronse onte campioas da Liga Galega de Fútbol Gaélico tras superar a Estrela Vermelha por 2-15 (21) vs 5-14 (29). Prevíase un serán inesquecible no campo das Cancelas con dous equipos que a casuística fixo que chegasen á derradeira xornada situados en primeiro e segundo posto da clasificación con só dous puntos de vantaxe para as dezás. Porén, o duelo converteuse nunha gran final polo título e non defraudou.
As ducias e ducias de espectadores que se congregaron na bancada -máis de 120 procedentes de Lalín- e tamén cunha gran presenza de siareiros e siareiras locais, puideron desfrutar dun partidazo no que o bo xogo protagonizado pola entrega, a loita e o sacrificio das xogadoras fixeron as delicias do respectable de principio a fin nun ambiente de concordia entre as aficcións.
O partido comezou dominado por Estrela, que anotou 4 tantos nos primeiros minutos con moita facilidade ante unhas Herdeiras que semellaban desorientadas e nerviosas polo determinante da situación.
Non obstante, o primeiro punto das lalinenses insufloulles a confianza necesaria para ir collendo a pelota e facer que o partido se igualase tamén no marcador en pouco tempo. Nercellas, renqueante por unha lesión que a limitou claramente durante todo o partido, liderou, aínda así, en ataque con dous goles a remontada lalinense, mais os continuos tantos da dianteira estreleira, Uxía, cun certo maxistral a balón parado, impoñían a igualdade no marcador, chegando ao descanso con vantaxe visitante por 12-14.
Con todo por decidir, a segunda metade comezou cun guión semellante, sen un dominador claro no terreo de xogo. Non obstante, pouco a pouco, e grazas ao maior acerto das dezás, con varios tantos de Naza e os goles decisivos de Nao e Fátima, a vantaxe visitante foise incrementando ata os 8 puntos de diferenza.
Faltando 10 minutos Estrela non se rendía e apostouno todo ao ataque, con Ánxela, Lucía, Uxía e Laura creando moito perigo en cada internada e facendo que a defensa Herdeira se tivese que empregar como nunca para evitar a remontada, nun exercicio de loita que namorou a grada.
Estrela foi capaz de poñerse a só 3 puntos de diferencia, pero cando darlle a volta ao marcador parecía posible, un novo gol lalinense seguido de dous tantos levou á capital do Deza o título de liga, o primeiro da súa curta historia para un equipo que finalizou a competición invicto e sumando por vitorias os seus partidos.