Os máis pequenos serán os protagonistas das procesións deste Domingo de Ramos
Ás 10:45 horas será o turno da Confraría da Entrada Triunfal en Xerusalén, fundada no ano 1961 por iniciativa de Quiroga Palacios e co beneplácito da Orde Franciscana Segrar
O Domingo de Ramos en Santiago, con dúas procesións que contarán cunha alta participación de nenos e nenas que acompañarán coa súa palma tanto a Xesús na representación da súa entrada en Xerusalén, como á Virxe da Esperanza.
Ás 10:45 horas será o turno da Confraría da Entrada Triunfal en Xerusalén, fundada no ano 1961 por iniciativa de Quiroga Palacios e co beneplácito da Orde Franciscana Segrar, que leva instaurada na nosa cidade dende o 1215. A actual imaxe, un conxunto escultórico, xorde dun bóceto realizado polo irmán Roberto González del Banco, doutor profesor de anatomía e pintor, sendo no ano 1950 o momento no que comezaba a súa execución por Don Antonio Figueiras, aínda que polo alto custo económico, non chegou a saír ata o ano 1953, unha execución realizada por Castor Lata, coa contribución no policromado e pintura de Ángel Rodríguez Moure.
A procesión sairá dende o Campiño de San Francisco, para percorrer a rúa de San Francisco, praza do Obradoiro, praza das Praterías para realizar a Bendición de Ramos por parte do arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio. Xa por último, regresará á súa sede, a Igrexa da Terceira Orden Franciscana Segrar seguindo o mesmo percorrido.
Na xornada da tarde, será o turno da Confraría da Esperanza, que cos seus capuchóns vermellos e cunha gran participación de nenos e nenas, sairá ás 18 horas da Igrexa das Ánimas. Sendo unha das Confrarías máis novas da Semana Santa compostelá, fundada no ano 2005, procesiona coa Virxe da Esperanza, talla de Bernardino Mosquera realizada no ano 1877 e restaurada no 2015 por Manuel Rodríguez Rocha.
O paso, pola súa banda, caracterízase por ser portado integramente por mulleres.
Á súa saída, subirá Casas Reais cara a praza de Cervantes, Preguntoiro, Caldeirería, tras Salomé, rúa Nova, praza do Toural e Orfas; continuando co mesmo percorrido que na baixada para recollerse na súa sede, a igrexa das Ánimas.