A Audiencia de Pontevedra condena a unha avogada por branquear cartos do narcotráfico
As maxistradas acordaron o comiso dos cartos utilizados para a comisión do delito e, no seu caso, das súas transformacións ou equivalentes
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a unha avogada a un ano e oito meses de prisión e ao pago dunha multa de 56.000 euros por cometer un delito de branqueo de capitais. O tribunal tivo en conta á hora de ditar a pena a atenuante moi cualificada de dilacións indebidas.
As maxistradas acordaron o comiso dos cartos utilizados para a comisión do delito e, no seu caso, das súas transformacións ou equivalentes, para adxudicarllo ao Estado a través do Fondo do Plan Nacional contra a Droga.
A Audiencia considerou acreditado que a acusada, “como consecuencia da actividade de narcotráfico” á que se dedicaba, “enriqueceuse” e, durante os anos 2005 e 2006, realizou “operacións coa finalidade de dar entrada no tráfico mercantil lícito aos cartos procedente do narcotráfico”.
Tras analizar as probas, o tribunal concluíu que hai “indicios plurais e de entidade suficiente” que acreditan que a investigada executou operacións “cuxos pagos en efectivo denotan o manexo concreto de cantidades de cartos que non se xustifican” e que supoñen “a ocultación de polo menos 70.000 euros, pouco acordes co seu nivel de ingresos”.
As xuízas destacan as “manobras levadas a cabo pola sospeitosa para ocultar a súa titularidade” e aseguran que “a orixe delituosa das cantidades branqueadas” está acreditada.