Santiago por fin contará co seu ansiado enlace orbital
O obxectivo, tal como indicou Fomento nun comunicado, é definir unha nova conexión da Autoestrada do Atlántico coa Autovía A-54, o aeroporto e os polígonos industriais e comerciais Tambre e Costa Vella
O Consello de Ministros autorizou este venres ao Ministerio de Fomento a licitar o contrato de obras da nova ligazón Orbital de Santiago de Compostela entre a AP-9 coa Autovía de Lugo A-54 e o aeroporto de Lavacolla, por un valor estimado de 20,8 millóns de euros.
O obxectivo, tal como indicou Fomento nun comunicado, é definir unha nova conexión da Autoestrada do Atlántico coa Autovía A-54, o aeroporto e os polígonos industriais e comerciais Tambre e Costa Vella situados ao norte da capital galega.
"As obras consistirán na construción dunha nova ligazón da AP-9, resolvido mediante unha glorieta superior sobre o tronco da autoestrada e catro novos ramais", explicou o Goberno, quen indicou que a ligazón Orbital conectarase de forma "directa" mediante un novo viario con sección de autovía de 800 metros de lonxitude, coa actual ligazón de San Marcos da A-54.
Así mesmo, executarase un novo carril de trenzado entre os vehículos que se incorporan sentido A Coruña ao tronco, desde a ligazón de Santiago Norte, cos vehículos que saen desde a AP-9 cara á ligazón Orbital.
"Esta nova ligazón permitirá desconxestionar tráficos da actual ligazón de Santiago Norte da AP-9 en horas punta, onde conflúen tanto os tráficos que se dirixen cara ao centro cidade como os xerados polos polígonos industriais antes citados. Desta forma, os tráficos cara aos polígonos pasarán a encamiñarse preferentemente a través da nova ligazón Orbital", destacou Fomento.
Ademais, a nova ligazón Orbital completará as conexións entre a autoestrada e o aeroporto internacional de Lavacolla.