jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Peleteiro celebrou o seu concerto solidario impulsado pola Asociación Sophia

Peleteiro celebrou o seu concerto solidario impulsado pola Asociación Sophia
Peleteiro celebrou o seu concerto solidario impulsado pola Asociación Sophia

Os mozos tiveron a súa disposición no pavillón comida e bebida, e participaron mercando rifas nos sorteos de roupa, accesorios ou material deportivo

O concerto solidario impulsado pola Asociación Sophia congregou onte á tarde a preto de 300 mozos no pavillón do Colexio M. Peleteiro. O festival Stellae Compostela arrancou ás 17.15 horas da man do popular presentador da TVG Roberto Vilar, quen fixo as delicias dos asistentes co seu característico ton de humor. A continuación, pasaron polo escenario un total de dez artistas e grupos musicais do panorama galego.

A música, de estilos moi variados (pop, blues, folk ou country), non parou de soar durante tres horas nas instalacións educativas, coas actuacións dos seguintes artistas: Jorge Casal, Maestro, Leo Burke, Álvaro Iglesias, Dani Barreiro & Friends, Roi Casal, Luga, Catro Ghatos e Purplefly. Cada un deles interpretou varios temas do seu repertorio cos que fixeron bailar e desfrutar ós asistentes. 

Os mozos tiveron a súa disposición no pavillón comida e bebida, e participaron mercando rifas nos sorteos de roupa, accesorios ou material deportivo. Ademais contaron cunha sorpresa: a presenza do atleta galego Pedro Nimo, quen apadriñou o evento e non quixo perder esta oportunidade para apoiar a causa dos refuxiados e esta iniciativa escolar, que conxuga ocio e solidariedade.

A Asociación Sophia, impulsada por alumnos de ESO e Bacharelato, leva meses organizando este evento a prol de Acnur co obxectivo de recadar a máxima cantidade de diñeiro para doar ao organismo. As entradas estiveron á venda cun prezo de 10 euros na conserxería do Colexio e a través dunha plataforma dixital. Ademais durante o concerto a organización vendeu rifas coas que sortearon produtos de tendas colaboradoras da cidade. O festival contou tamén co apoio do Concello de Santiago e estivo patrocinado por Gadis.

Compromiso social cos refuxiados

A Asociación Sophia naceu no ano 2016 cun sólido compromiso social e educativo, impulsada por alumnos do Colexio M. Peleteiro. Os membros naquel momento organizaron un concerto, mercados e encontros solidarios para axudar aos nenos oncolóxicos e a aqueles con enfermidades de longa duración ou crónicas.

O pasado mes de febreiro dous alumnos do Colexio, logo de participar no ciclo Inmigración y Refugio, tomaron conciencia do conflito sirio e decidiron recuperar a Asociación Sophia para organizar unha iniciativa benéfica, e axudar aos refuxiados. Este concerto, no que se xunta a causa social coa cultura e a educación, convértese así nunha mostra máis do compromiso dos mozos co mundo que lles rodea.

Comentarios
Lo más