Bascuas propón a humanización dos patios dos centros educativos da cidade
A formación galeguista propón a valoración sobre a situación dos patios escolares, sobre todo no que se refire á seguridade e avaliación das necesidades especiais
Xoán Bascuas, candidato de Compromiso por Galicia nas vindeiras eleccións municipais, vén de defender unha proposta de humanización e de adaptación ás necesidades especiais dos centros educativos de infantil e primaria.
Dende Compromiso constatase como unha queixa recorrente por moitos pais e nais de crianzas en idade escolar a falla do mantemento dos equipamentos escolares. Mesmo “desde o Goberno municipal só se actua cando a situación se volve conflitiva coas ANPAS” afirma Bascuas.
A formación galeguista propón a valoración sobre a situación dos patios escolares, sobre todo no que se refire á seguridade e avaliación das necesidades especiais. Segundo o candidato de Compromiso, “os patios seguen igual que na década dos 90; cemento agresivo, con poucos espazos verdes e lonxe da adaptación das persoas con discapacidade e das crianzas con Trastorno do Espectro Autista”. Neste senso, a Agrupación compostelá recolle a iniciativa materializada por Compromiso no goberno municipal de Muros, “no que se ten xeralizado a presenza de pictogramas nos edificios públicos, tamén nos centros educativos”. De igual modo, formulan a posibilidade de crear hortas escolares nos patios, medida que contribuiría a humanizar estes espazos ao mesmo tempo que se disporía de un ámbito formativo transversal en nutrición, coñecemento do medio, química e outras disciplinas.
Bascuas sinala que “os espazos para a educación son onde forxamos as xoias da nosa sociedade. E un Concello que trata ben e coida ás súas crianzas é un bo Concello”.