Bugallo visita o barrio de San Lázaro e afirma que a zona "segue igual que en 2011"
Sánchez Bugallo entrevistouse onte con membros da AVV Monte do Gozo, que que lle trasladaron as necesidades e problemas que presenta a parroquia
O candidato á alcaldía, Xosé A. Sánchez Bugallo, asumiu, ante a asociación de veciños Monte do Gozo, o compromiso de completar a reurbanización da zona de San Lázaro, a substitución das canalizacións de fibrocemento, que, engade, “xa están obsoletas, e a “mellora das dotacións de servizos e equipamentos do propio barrio”. Asegura que a situación da parroquia segue “exactamente igual que no mesmo punto que estaba no ano 2011”, e polo tanto, sinala, “as tarefas pendentes son as mesmas.
Sánchez Bugallo entrevistouse onte con membros da AVV Monte do Gozo, que que lle trasladaron as necesidades e problemas que presenta a parroquia. Horas antes, pola mañá, estivo con responsables da AVV das Fontiñas, e con representantes de distintas comunidades de veciños. Despois de escoitalos, comprometeuse a contratar unha empresa de servizos para solucionar os problemas de mantemento dos distintos barrios. Sería, explicou “un contrato de dous anos prorrogables por outros dous, para mantemento urbano, e para asegurar unha resposta rápida ante calquera demanda ou necesidade dos veciños”.
Tal e como lle explicaron os veciños das Fontiñas, a falla de mantemento é un dos maiores problemas da zona. O peor, segundo o candidato, o estado dos muros de contención “que nalgúns casos se están vindo abaixo ou con suxeicións provisionais”. Pero, continúa, “sucede o mesmo en relación ás beirarrúas, ao coidado das arboredos e de zonas verdes”. No encontro tamén se falou doutras necesidades para a zona que enumerou Sánchez Bugallo: “problemas relacionados co estacionamento, e tamén coa seguridade e o vandalismo”. Estudaranse e buscarase, dixo, “a mellor solución posible". Ámbalas dúas reunións forman parte das visitas semanais que Sánchez Bugallo está a facer por distintos barrios de Santiago de Compostela.
A axenda continuou cunha visita ao Centro Sociocultural de Fontiñas, e cunha reunión, ás sete da tarde, co presidente da Federación de ANPAS “Compostela”, Fernando Lacaci; para finalizar cun encontro coa Asociación de Veciños das Cancelas, previsto para as oito e media. Neste percorrido polos barrios das Fontiñas, As Cancelas, Amio, e San Lázaro, están presentes Mercedes Rosón, Mila Castro, Gonzalo Muíños, Marta Abal, Esther Pedrosa, Javier Fernández, e Noa Díaz.