Argibay critica a "incompetencia" do tripartito en materia de investimentos no rural
Denuncian o deterioro da vía que une O Santo con Maguxe, cuxo recente reasfaltado xa é motivo de crítica por parte dos veciños
O Partido Popular de Ames volve a criticar a "incompetencia do goberno local á hora de dar resposta ás revindicacións dos veciños do rural". Segundo a información da formación política a xestión do tripartito na última Conta Xeral do Concello evidencia unha redución de investimentos do 43,6% de execución.
Neste caso denuncian o deterioro da vía que une O Santo con Maguxe, cuxo recente reasfaltado xa é motivo de crítica por parte dos veciños, que se queixan dos deficientes remates nos tramos nos que a citada vía conecta coas diferentes pistas asfaltadas que levan a outros lugares.
Outros casos recentes déronse nas parroquias de Tapia e de Ames. En Tapia, na ampliación da pista que vai á Capela da Magdalena, pedíase que a pista se ensanchase para mellorar a seguridade nun tramo no que hai unha curva que resta visibilidade e dificulta a circulación cando dous vehículos crúzanse.
A ampliación da calzada remata na metade da curva, para dar paso a un chanzo e unha ampla cuneta coa que inesperadamente atópanse os vehículos que circulan, xerándose unha situación de risco de accidente que se incrementa en horarios de ausencia de luz.