O profesor Alberto Sucasas presenta o seu último libro no Ateneo de Santiago
O acto desenvolverase a partir das 19.30 horas na sede de Afundación, sita na Rúa do Vilar, 19
Hoxe xoves, día 11 de abril, o Ateneo de Santiago, xunto coa editorial Shangrila, presentarán o último libro do Profesor de Filosofía da Universidade da Coruña, Alberto Sucasas, titulado Shoah. El campo fuera de campo. Cine y pensamiento en Claude Lanzmann.
O acto desenvolverase a partir das 19.30 horas na sede de Afundación, sita na Rúa do Vilar, 19, e contará, ademais de coa participación do seu autor, coas intervencións de Pilar Concepción Fernández Fernández, Profesora de Filosofía de Bacharelato, e José Carlos Bellido Herrero, Licenciado en Humanidades e Ex-Mestre.
En Shoah o autor fai confluír dúas matrices creadoras: por un lado, un traballo innovador sobre a expresión cinematográfica, que expón o exterminio nazi dos xudeus europeos desafiando os poderes do audiovisual contemporáneo; e, polo outro, unha reflexión implícita sobre o estatuto da imaxe (a súa problemática relación co real que pretende representar, os seus efectos potencialmente alienantes sobre o espectador, a súa paradoxal complicidade de presenza e ausencia…).
Alberto Sucasas foi galardoado co XV Premio Internacional de Ensaio Miguel de Unamuno en 2014 e é membro, dende a súa fundación, do grupo de investigación sobre o xudaísmo que dirixiu o profesor Reyes Mate no Instituto de Filosofía do CSIC. As súas publicacións céntranse na presenza da tradición xudía no pensamento contemporáneo (ante todo, Lévinas e Derrida), o impacto filosófico da Shoah e a filosofía do límite de Eugenio Trías.