Bugallo visita hoxe os barrios de Fontiñas, As Cancelas, Amio e San Lázaro
A visita comeza ás dez da mañá. O punto de encontro será a cafetería “El Olivo”, na Rúa da Raxeira, número 50
O candidato á alcaldía, Xosé A. Sánchez Bugallo, estará hoxe, acompañado de varios membros da súa lista, nos barrios das Fontiñas, As Cancelas, Amio e San Lázaro. Unha visita coa que pretende “continuar profundando, cos veciños, na problemática de cada barrio e cada zona da cidade”, e que contempla distintas xuntanzas: con asociacións veciñais, coa comunidade educativa, e coas comunidades de veciños, entre outros colectivos.
Son barrios, sinala Sánchez Bugallo, que “ata hai pouco eran zonas rurais, en algúns casos, como San Lázaro, zonas de concentración parcelaria, transformadas, urbanizadas, incorporadas ao tecido urbano. Desgraciadamente, engade, “a pesar de ser zonas novas, de nova construción, a falta de mantemento e a falta de actuacións fai que algunhas delas se atopen cun importante estado de deterioro ou incluso de degradación”. O candidato espera “coñecer en maior profundidade, e en directo, as reivindicacións, as demandas e as necesidades dos veciños” para, di, “posteriormente poder implementar actuacións políticas orientadas a resolver estes problemas”.
Para Sánchez Bugallo, e á espera de escoitar a opinión dos veciños, no barrio de Fontiñas “constátase un deterioro nas beirarrúas, no mobiliario e en muros como o que hai entre as rúas de París e Luxemburgo”. Non pode ser que en ano e medio non se arranxara”, engade. E o mesmo pasa noutras zonas, como San Lázaro. Di o candidato que “por carecer de mantemento, atópase con lousas levantadas nas beirarrúas, e problemas coa maleza e coa recollida de lixo”.
A visita comeza ás dez da mañá. O punto de encontro será a cafetería “El Olivo”, na Rúa da Raxeira, número 50. Sánchez Bugallo manterá un encontro coa asociación veciñal das Fontiñas e visitará unha comunidade de veciños. A continuación están previstas varias xuntanzas privadas con membros da comunidade educativa e coas ANPAS.
Xa pola tarde, ás catro e media, a candidatura de Sánchez Bugallo reunirase coa Asociación de Veciños Monte do Gozo. E unha hora máis tarde, está prevista unha visita ao Centro Sociocultural de Fontiñas. A axenda continúa cunha reunión, ás sete da tarde, co presidente da Federación de ANPAS “Compostela”, Fernando Lacaci; para finalizar cun encontro coa Asociación de Veciños das Cancelas, previsto para as oito e media.
Este programa de visitas semanais, dun día de duración, comezou o pasado xoves, en Vite. O obxectivo da candidatura de Sánchez Bugallo é coñecer os problemas e necesidades concretas dos barrios, para buscarlle solucións efectivas e eficaces.