Críticas do Partido Popular de Ames ao non cumprir o tripartito o Plan Estratéxico de Subvencións
A falta de correspondencia entre o Orzamento Municipal e o Plan Estratéxico de Subvencións Municipais dificulta a convocatoria de diversas liñas de subvencións
"O Tripartito de Ames, ao longo do seu mandato, non tivo nin o máis mínimo pudor en facer propaganda das subvencións que, ano tras ano, recolle nos diferentes orzamentos municipais" así comezan os populares de Ames criticando a xestión do Goberno de Miñones.
Ao entrar no segundo trimestre do exercizo 2019 e, a raíz das informacións difundidas polo Grupo Municipal Popular, sobre a falta das convocatorias de subvencións durante os anos 2017 e 2018; o Tripartito de Ames convocou as subvencións de promoción, destinadas ás asociacións de comerciantes de Ames, por unha contía máxima de 40.000 euros. Unha cantidade que apenas supera a metade do que inicialmente foi orzamentado para ambos exercizos, 40.000 euros para o 2017 e 30.000 para o 2018.
"Evidentemente, as convocatorias de subvencións non tiveron lugar nos seus correspondentes exercizos e, ao Tripartito salíalle gratis a propaganda; e agora, a poucas semanas da cita electoral convócanas, con dous anos de retraso, coa única intención de sacar rédito electoral", afirman os de Argibay.
Os diferentes estados numéricos do orzamento de gastos do Orzamento Municipal 2019 recollen unha serie de subvencións que o Concello pretende outorgar durante este exercicio. Subvencións que, doutra banda atópanse reflectidas no correspondente informe económico financeiro que acompaña ao Orzamento Xeral do Concello. Segundo este informe, o Concello, dentro da súa política de gastos, di que vai destinar a transferencias correntes e subvencións un total de 1.328.084,12 euros.
Con todo, o Plan Estratéxico de Subvencións de Ames para o período 2019, obsérvase que só se recóllen aproximadamente a metade de liñas de subvencións por un importe total de 327.733,00 euros, é dicir, o 57,43% do importe orzamentado para subvencións a persoas e entidades asociativas non poderá outorgarse por non atoparse apoiado no Plan Estratéxico de Subvencións.
En materia de subvencións, o artigo 8.1 da Lei Xeral de Subvencións (lei 38/2003) establece, con carácter previo ao establecemento de calquera subvención, a necesidade do Plan Estratéxico, o cal funciona como garantía de eficacia na asignación dos recursos públicos. Este plan debe recoller os obxectivos e efectos que se pretenden coas devanditas subvencións, así como o prazo de consecución, os custos previsibles e as súas fontes de financiamento.
Xa por último, os socialistas poden “presumir de deixar sen subvencións a Cáritas Milladoiro por cuarto ano consecutivo, os mesmos que levan gobernando en Ames. Esta ONG é a máis representativa e a que máis actividade programa, o que demostra a falta de sensibilidade dun goberno cuatripartito que ata o final do mandato exerceu políticas alleas aos intereses de Ames converténdose no primeiro da historia que retirou as axudas a Cáritas. Un feito reprochado polos populares e que a socialista Luisa Feijóo defendía argumentando que non se presentaran por concorrencia competitiva. Un feito co que agora queda en evidencia ao por en risco o 50% das subvencións recollidas no propio Orzamento", rematan os populares de Ames.