A Audiencia absolve a un acusado de abusar da filla da súa parella en Vigo
O tribunal indica na sentenza que a filla da compañeira sentimental do sospeitoso contoulle ao titor do seu instituto que o acusado abusaba dela no domicilio familiar cando a nai durmía ou non estaba na vivenda
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, absolveu a un acusado dun delito continuado de abusos sexuais. O tribunal indica na sentenza que a filla da compañeira sentimental do sospeitoso, nacida no ano 2000, contoulle ao titor do seu instituto en decembro de 2016 que o acusado abusaba dela no domicilio familiar cando a nai durmía ou non estaba na vivenda.
“As dificultades sobre a corroboración dese testemuño incriminador, tanto por parte das testemuñas como do informe pericial, non permiten estimar que se superasen os tres criterios indicados -ausencia de incredibilidade subxectiva, corroboración do testemuño da vítima e solidez das manifestacións incriminantes- coa eficacia e intensidade suficientes para dar lugar a un pronunciamento de condena”, indican os maxistrados. A Audiencia asegura que é “posible, e mesmo factible” que se producisen os abusos, “pois así o parece indicar a falta de interese espurio na denuncia e o sostemento da versión ao longo do tempo”, pero decretou a absolución do sospeitoso pola existencia de “dúbidas razoables e razoadas”, de acordo ao principio de in dubio pro reo.