“A xente debe coñecer a situación que padecemos para poder facerlle fronte"
O documental presentado o luns na capital galega continuará o seu periplo por salas e centros de toda Galicia
O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu o luns pola noite ao redor de 300 persoas que se achegaron a arroupar á Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre, no coloquio e proxección do documental Redes contra a política do espolio. Aire, auga e terra limpas, dirixido por Xosé Antón Bocixa Rei.
O acto serviu de escenificación da unión de nove plataformas medioambientais cidadás que levan tempo loitando contra diferentes agresións empresariais no rural e ante a desprotección e falta de control por parte das Administracións, que está a xerar xa e pode traer aínda máis efectos irreversibles. Por iso, defenden que os gobernos deixen de facer ollos cegos e de mirar para outro lado e garantan Aire, Auga e Terra limpas para toda Galicia. “Trátase dun problema de contaminación xeral, pero tamén de saúde e de vida, as Administracións públicas teñen de deixar de ser cómplices das empresas depredadoras na nosa terra, ás que parece que lles compensa contaminar porque as multas por delitos medioambientais son ridículas e os controis están a ser ineficaces”, denuncian desde a Rede, que reclama unha intervención urxente por parte dos axentes responsables para que Galicia deixe de ser “territorio de sacrificio”.
“Galicia estase a converter nun territorio de sacrificio, no que empresas, da man de Administracións irresponsables, están a exercer unha prepotencia insoportable”, alertaron durante o acto na capital galega. Por iso, os e as portavoces das plataformas pediron cousas tan básicas como que se garanta que a poboación podemos “beber auga segura sen ter que mercala, que se conserven os bosques autóctonos, que non se maten con vertidos todos os peixes que hai nos ríos e rías, para poder seguir pescando, que a terra estea limpa para poder cultivala, que os nosos fillos e fillas respiren aire limpo”.
Así, apelaron ao labor fundamental das forzas políticas, para impulsar normativas e leis claras, que protexan a terra e os seus habitantes e reclamaron que os servizos que teñen que ver co tratamento dos residuos, por exemplo, sexan xestionados 100 por cento con diñeiro público, para evitar que os intereses das empresas primen e se poida poñer en perigo a seguridade e saúde de todos e todas.
Tamén aproveitaron para lanzar unha mensaxe directa aos responsables que actualmente están no Goberno da Xunta de Galicia: “Que non insistan en facer campañas publicitarias amosando unha Galicia rural que non existe, que inventan. Galicia é hoxe un ermo de eucaliptos, minas e vertedoiros, esa é a verdade. Reclamamos que non metan os centros educativos nas súas manobras publicitarias nas que se amosa unha Galicia que nada ten que ver coa realidade”.
E pedíronlle aos medios de comunicación e xornalistas que axuden a difundir a verdade. “A xente debe coñecer a situación que padecemos para poder facerlle fronte”.
A Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre está formada pola Plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non, Plataforma pola Recuperación do Río Sar, Plataforma Casalonga limpa de residuos, Plataforma de afectados polo vertedoiro de Santiago-Miramontes, Non aos parques eólicos na comarca de Oedes, Plataforma de afectados pola destilería de Contimunde, Comisión de seguimento da minaría e defensa do rural Mesía-Frades, Asociación de afectados polo vertedoiro de Lesta, Plataforma Salvemos as fragas de Catasós.
O documental presentado o luns na capital galega continuará o seu periplo por salas e centros de toda Galicia, co obxectivo de que o maior número de persoas poida visionalo e reflexionar sobre o perigo ao que se está sometendo a nosa comunidade.