Bugallo aposta por un Plan Integral para os barrios de San Lourenzo e Carme de Abaixo
Na reunión que mantivo o candidato á alcaldía coa directiva da Asociación de Veciños Río Sarela, tamén asumiu o compromiso de cortar os eucaliptos que supoñan unha ameaza para a seguridade das vivendas, tanto polo risco de incendios como por caídas.
O candidato á alcaldía de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, aposta por un Plan Integral para os barrios de San Lourenzo e Carme de Abaixo, que contemple, entre outros aspectos, actuacións de reurbanización e rehabilitación de vivendas, así como a recuperación de sendas peonís, e as cortas de eucaliptos que supoñan un perigo para as vivendas. Son só unha parte dos compromisos adquiridos coa directiva da Asociación de Veciños Río Sarela, nun encontro no que tamén estaban presentes Mercedes Rosón e Javier Fernández, membros da súa candidatura.
Nesa reunión, o candidato comprometeuse a levar adiante “actuacións reurbanizadoras potentes, empezando polo Rueiro de Figueiriñas e a calzada do Carme de Abaixo”. E tamén a impulsar a rehabilitacións de vivendas. Actualmente, segundo lle transmitiron desde a asociación Río Sarela, existe un importante número de casas abandonadas, varias delas ocupadas.
Outra das actuacións necesarias para Bugallo, é a “recuperación e mellora dos canles do río Sarela e os paseos peonís que o rodean”. O candidato á alcaldía tamén se comprometeu, con carácter de urxencia, “a ser posible este mesmo verán”, a cortar os eucaliptos “que supoñen unha ameaza para a seguridade das vivendas circundantes, tanto por risco de incendios como por caídas”.
Sánchez Bugallo considera que os barrios de Carme de Abaixo e San Lourenzo, así como a ribeira do Río Sarela, “constitúe unha zona singular de Santiago, que debe recibir a atención que merece”. Por isto, engade, “é necesaria a elaboración dun Plan Integral, no que se contemplen todos os aspectos antes mencionados, así como a atención a persoas e familias que o requiran, tendo en conta”, sinala Bugallo, que “é unha zona onde se concentra unha porcentaxe significativa de poboación maior.