Bugallo reúnese cos hostaleiros nocturnos para estudar medidas que beneficien aos locais e veciños
O obxectivo, segundo o candidato á alcaldía, é estudar medidas para facilitar o desenvolvemento normal dunha actividade que considera de gran importancia para a economía de Santiago, e facela compatible coa calidade de vida dos veciños.
O candidato á alcaldía de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e membros da súa candidatura, reuníronse onte con representantes de distintos colectivos e asociacións relacionados coa hostalería nocturna. O obxectivo da candidatura de Sánchez Bugallo “é buscar todas as medidas que faciliten o desenvolvemento normal desta actividade, de xeito que non resulte incompatible coa calidade de vida de veciños e residentes.
Medidas, como explicou Sánchez Bugallo, “orientadas a facilitar a celebración e concertos en horario diúrno e nocturno, no caso dos establecementos debidamente habilitados para elo”; así como “a regularización de terrazas con calefacción; e a mellora da iluminación, da seguridade pública e da limpeza”. Serán, segundo adiantou o candidato á alcaldía, “actuacións prioritarias para o concello”.
Argumenta Sánchez Bugallo que, “dadas as características de Santiago e o peso do sector turístico, trátase dunha actividade económica de gran importancia para a cidade; tanto polo que supón como elemento de atracción e de fixación de turistas e visitantes, como pola súa capacidade de xerar emprego e riqueza”.
Ao encontro asistiron representantes de distintos colectivos: a Asociación de Bares e Pubs, a Asociación Cidade Vella, a Asociación Tempo con Xeito, e a Asociación Hostalería Compostela. A maior parte desenvolven a súa actividade na Cidade Histórica. Xunto a Sánchez Bugallo estiveron Mercedes Rosón e Gonzalo Muíños, membros da súa candidatura. Segundo explicou o candidato a alcaldía de Santiago, esta xuntanza “forma parte dunha xeira de reunións que estamos mantendo con todos os colectivos de Santiago, que inclúe tanto aos veciños, como ás diferentes entidades e colectivos que operan no municipio”.