O candidato do BNG en Ordes retomará a tramitación do PXOM
Os nacionalistas acusan a Martínez Sanjurjo, de conxelar a súa tramitación
O documento segue sen acadar a aprobación provisional despois de mais de tres anos desde que se producise a aprobación inicial do mesmo, grazas ao voto favorable do BNG. Os nacionalistas acusan a Martínez Sanjurjo, de conxelar a súa tramitación.
Pablo Vidal, portavoz do BNG de Ordes, lamenta “a parálise que está a sufrir a tramitación do PXOM” o que na súa opinión demostra a visión do documento por parte do alcalde do PP “como un instrumento electoralista, cuxa tramitación activa ou paraliza segundo mellor lle conveña, cando debera ser un instrumento ao servizo da veciñanza”.
O candidato do BNG á alcaldía de Ordes manifestou que “mentres un concello coma Mesía, foi quen de tramitar completamente un PXOM en catro anos, en Ordes lévanse 16 anos perdendo no tempo”. Ademais o concelleiro nacionalista lembra que “de toda a comarca, Ordes e Cerceda son os únicos concellos que non dispoñen aínda deste instrumento de ordenación”.
Vidal promete que “cunha alcaldía do BNG, activarase a tramitación do PXOM para acadar a súa aprobación definitiva no próximo mandato”, o cal segundo afirma “permitirá ampliar o polígono industrial, asentar poboación con novas zonas edificables, delimitar as zonas verdes, de cultivo e de plantación forestal, así como protexer o noso patrimonio”.